Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 01.00
O líder PSdeG, Pachi Vázquez, reivindicou este luns un proxecto "integrador" para construír unha alternativa ao PPdeG e subliñou que sería "unha loucura" que a nova dirección galega non contase con compañeiros de filas que apoiaron a Carme Chacón, derrotada por Alfredo Pérez Rubalcaba na pugna pola Secretaría Xeral do PSOE.
"Ter sintonía coa dirección nacional sempre axuda, pero non pode facerse unha lectura galega dicindo que hai vencedores e perdedores. O contador ponse a cero de novo", defendeu, nunha entrevista con Radio Voz, antes de insistir en que non se pode excluír socialistas que apoiaron a Chacón como o exministro Francisco Caamaño, entre outros.
O xefe de filas do PSdeG, quen participou este luns na primeira reunión da Comisión Executiva Federal, recordou que a vitoria de Rubalcaba "foi axustada". "Aínda que algúns a viamos como previsible", sinalou, para remarcar que agora finaliza "un período de incerteza" e que a nova directiva conta cun apoio que rolda o 80 por cento.
Neste escenario, reivindicou a necesidade de empezar a traballar "nunha alternativa" para axudar aos cidadáns "nun momento tremendamente difícil". "Temos que facer unha oposición útil", defendeu Pachi Vázquez, para engadir que o seu partido non pode seguir os pasos do PP "que cabalgou sobre a crise para gañar unhas eleccións".
Tras constatar que o electorado socialista "nunca permitiría" esta actitude, insistiu en que o PSOE debe traballar, en Galicia e en España, por resultar "útil" ao país, ao tempo que reiterou que Galicia "sae ben" representada na nova Executiva do seu partido, na que atopan, ademais de el mesmo, Abel Caballero e Carmela Silva.
"SUMAR A TODOS"
Ao seu entender, a súa presenza na Executiva dálle á formación galega "forza e presencia", aínda que o importante agora é, opinou, "traballar moito". Así mesmo, rexeitou extrapolar o resultado do congreso nacional á Comunidade, posto que "a identidade galega" do partido "di que empeza un partido novo".
A pesar de que vaian existir "distintas sensibilidades", Vázquez asegurou que o seu proxecto para o PSdeG pasa por "un espazo común" no que "todos" teñan oco. "Intentarei sumar a todos só pensando en ser útiles a Galicia", defendeu o xefe de filas do PSdeG, quen se mostrou disposto a traballar "para unir, sumar e ser fortes" fronte ao PPdeG.
ADIANTO ELECTORAL
Por outra banda, preguntado por un eventual adianto das autonómicas --previstas para 2013--, o líder do PSdeG mostrou a súa desconfianza cara ao feito de que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegure reiteradamente que o anticipo non está na súa axenda.
"Recórdame aos presidentes de equipos de fútbol que din que non van cambiar o adestrador e o luns o cambian", comparou o socialista, convencido de que Feijóo "di o que ten que dicir", aínda que sabe que o seu proxecto "está esgotado" e que non lle queda "recorrido".
Como exemplo desta situación, se referiu a que cada vez son "máis" as voces que dende "dentro do PP" claman por un anticipo dos comicios autonómicos. Con todo, asegurou que o PSdeG está preparado para enfrontarse a este reto.
