Hemeroteca web
|
RSS
Domingo 26.05.2013
| Actualizado 02.18
Despois de comezar a xogar no Navia e no Arenas, do barrio mariñeiro de Alcabre, fichou polo R C Celta, que acadou o cuarto posto na Liga e a final de Copa en 1948, cando tamén foi máximo goleador da competición regular. Daquela pasou ao Real Madrid, donde militou cinco tempadas, para pasar despois ao Deportivo.
Pero isto non foi todo. Amais de escoller un alcume ornitolóxico enxebre, engadiulle ese hache que o facía máis exótico, Pahíño nunca baixou a cabeza perante os abusos. Desde cando marchou do Celta a cando deixou o Real Madrid pola negativa de Bernabeu de renovarlle o contrato. Mesmo, chegou e prantar cara ao responsable da seleción española, daquela o xeneral Gómez-Zamalloa –que fora membro da División Azul e que aínda ten unha rúa dedicada na Coruña-, cando este apelou á españolidade e á xenitalidade dos futbolistas para vencer a Suíza, en 1950, e por iso non foi convocado para o Mundial do Brasil.
Fillo dun republicano, que por dúas veces estivo a piques de ser “paseado”, foi un auténtico disidente, circunstancia insólita naqueles anos nun mundo de éxitos como era e é o do fútbol. Un futbolista, segundo confesou hai dous anos, que daquela lía a Hemingway e a Dostoievski, en libros que mercaba en Barcelona ou en Sudamérica.
Quizáis non foi recoñecido polo país como mereceu. O galeguismo, tanto o histórico como o recente, non prestaron atención dabonda ao fenómeno futbolístico, apenas compensada polos éxitos recentes do Celta e do Deportivo, cando comezaron a aparecer bandeiras albicelestes en Balaídos e Riazor.
Na revista “Nós” só apareceron crónicas referidas ao fútbol en dous dos primeiros números; finalmente, venceron as pedras do neolítico. E Vicente Risco, malia todo, foi o único que escribiu do fenómeno en “O porco de pé”. En tanto que expresión da tribo local, nun suposto equipo de Auria participaba certo xugador chamado Ramón, moi popular, e cuxo nome, moi coreado, foi tomado por Ramón Gómez de la Serna como un recoñecemento cara a el.
