Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Paisaxe literaria despois da batalla

Mario Regueira analiza as claves da recuperación da literatura galega despois da guerra civil

Imaxe da portada do libro de Regueira (Xerais)
Imaxe da portada do libro de Regueira (Xerais)

JOAQUIM VENTURA  | 17.02.2020 
A- A+

Coa sublevación militar de 1936, a cultura padeceu unha traxedia cuxas consecuencias duraron todo o tempo que a ditadura franquista estivo vixente. Na Galiza comezaba no verán daquel ano un longo camiño de resistencia silandeira de cara ao establecemento dun novo sistema literario en lingua galega que resultase minimamente homologable.

Mario Regueira presenta Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) (Xerais), publicación da súa tese de doutoramento, defendida en 2015. Neste ensaio, Regueira sitúa a súa análise en torno a dous eixes: os límites autoimpostos, verbo da cultura galega –nomeadamente da literatura- por aquelas persoas que participaron activamente ou se acomodaron ao novo réxime político; e o proxecto restaurador pensado por Ramón Piñeiro que callou, especialmente, na editorial Galaxia.

Cómpre saudar a prolixidade informativa que Regueira aporta verbo daquel lento e árido proceso para situar una mínima normalidade no emprego da lingua galega no ámbito literario. Un proceso, necesariamente posibilista, que tiña que aturar coa lexislación imposta pola ditadura e con esoutro ultraposibilismo morno e limitado dos que comungaban –á forza ou a gusto- cunha visión folclorizante, historicista e lírica do uso da lingua galega e que callou na supervivencia (baleirada) da Real Academia Galega e da continuidade (limitada) que o Instituto Padre Sarmiento tivo verbo do estragado Seminario de Estudos Galegos.

Unha vez postos os primeiros perpiaños, un grupo de antigos membros das Mocedades Galeguistas, liderados por Piñeiro, e co concurso dalgúns galeguistas históricos (como Otero Pedrayo), deron pulo a un proxecto editorial que callou en Galaxia.

Pero este proceso –coñecido dabondo na súa epiderme- é observado polo miúdo por Regueira, que sitúa os elementos conformadores do que sería un proxecto orgánico verbo do futuro do galeguismo, cunha liña prioritaria da proposta culturalista (máis alcanzable) por riba da política (necesariamente clandestina e limitada a uns límites ideolóxicos). Unha proposta que chocou en moitas ocasións co exilio galego.

Un elemento determinante na forxa deste proxecto dentro do ámbito da literatura, foi a consideración filolóxica sobre a lingua. Así, Regueira analiza con precisión o paso desde un primeiro criterio que incluía escritores galegos en castelán, o paso seguinte dun hispanismo plural con subordinación rexional (cuxo principal expoñente sería G. Díaz-Plaja) ata o establecemento do criterio de que literatura galega é a expresada en lingua galega, como fixo Ricardo Carballo Calero.

Un criterio que levou a asociala coa restauración paralela da dimensión nacional de Galiza e que esquecía (e esquece), dunha banda, que hai zonas galegofalantes que non son territorialmente galegas; doutra, que hai galegofalantes activos que non senten Galiza coma nación; e aínda outra, o conflito que se abriu canto á condición nacional da lingua a partir da opción reintegracionista cara ao portugués.

Nunha primeira etapa, o papel de Galaxia foi determinante na reconstrución dunha situación que respondese ao criterio filolóxico (literatura galega é a escrita en lingua galega). Pero en tanto que era un proxecto organicista, deixaba nas tebras toda proposta (literaria ou política) que non entrase nos seus principios. E son, xustamente, esas exclusións as que conforman o estudo de Regueira.

Unha análise rigorosa en canto á información e en canto aos mecanismos de formación do proxecto Galaxia como proposta orgánica do galeguismo. Con todo, se tivésemos que poñer algunha eiva sería a marca ideolóxica –unha eiva menor e lexítima en calquera caso- que leva ao autor a considerar que nos anos da ditadura fose posible pensar en Galiza como nación enteira e liberada e que nela, o proxecto de Galaxia quedase corto. Non esquezamos que naquelas catro décadas de ditadura non había máis cera ca que queimaba.

De xeito semellante, e tal punto de vista condiciona o conxunto analizado, a consideración da sublevación de 1936 e o réxime que impuxo como algo alleo a Galiza, como se se tratase dunha invasión de extraterrestres. É certo que esmagou as aspiracións dunha parte importante do galeguismo e das forzas de esquerda pero tamén o é que tivo moitas complicidades –activas e pasivas- por parte de moitos galegos, incluídas figuras senlleiras do galeguismo. E non ter presente tal circunstancia –nin a real medida dos galeguistas no ámbito político en 1936- lastra os resultados.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS