Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Paisaxes despois da batalla

JOAQUIM VENTURA  | 03.11.2019 
A- A+

Tómome a licencia de empregar o título da primeira novela de Juan Goytisolo. Cadra perfectamente co(s)  escenario(s) que se abre(n) tras a primeira sentencia (virán máis) sobre o “procés” independentista catalán. E o primeiro escenario, coñecido de sobras, foi o sospeitoso estoupido de violencia nas rúas e estradas de Cataluña, que deixaron en escuro as manifestacións pacíficas.

Digo sospeitoso porque sorprende que aquela sensación de afondamento do mundo que se viviu nos días seguintes, cesou case de inmediato, sen apenas  posteriores rebrotes. ¿Quen queimou contedores, mobiliario urbano e coches? Sen dúbida, unha parte importante dos autores foron mozos insatisfeitos co estado das cousas. Mozos e mozas que creceron nesa burbulla chupiguai que pretendía e pretende que os cataláns temos todos os dereitos do mundo pola nosa cara bonita. Como facía hai un século Francesc Pujals, que sostiña ironicamente que chegaría un día que poderíamos ir polo mundo adiante cos gastos pagados.

Pero non hai ningún argumento que xustifique estragos como os padecidos. Pero con eses mozos hiperventilados houbo elementos antisistema, que fixeron derivar os actos a unha violencia nihilista e frivolamente narcisista que chegou ao cumio cando elementos incontrolados a aproveitaron para exercer a pillaxe en comercios.

 ¿Houbo excesos policiais? Sen dúbida, e terán que ser sancionados cando e como proceda. Do mesmo xeito, non quedou claro o papel dos policías nacionais infiltrados en funcións de intelixencia entre os violentos. Non nego a necesidade de tal exercicio pero, repito, resúltame algo sospeitoso. ¿Alguén imaxina que un grupo de encapuchados, a quen ninguén coñece e que posiblemente non falaban catalán, estivese entre os violentos sen mover unha bolsa de lixo? Como tamén, desde outra perspectiva, que eses cadelos independentistas ficasen quedos de hoxe para mañá: ¿quen está detrás dos CDR e dese Tsunami Democràtic?

¿Había intereses estraños neses actos? Un deles sería querer reducir “o problema catalán” a un asunto de orde pública, unha vez deixada a solución –que tiña que ser política- en mans dos xuíces. E neses reducionismo o goberno de Madrid ten unha alta responsabilidade. Con barricadas ou sen elas, o problema vai seguir. E xa non hai novas solucións verbo das xa exercidas. Non querer ver un problema non supón que deixe de existir.

É mágoa que tirar contra o mono (Cataluña) siga a dar votos e os partidos que se reclaman no respecto da Constitución. Incluso cando –como fixo o labor incendiario de Ciudadanos- abriron unha autopista ás posturas máis extremistas. Pero o problema deses partidos é que non ofrecen ningunha alternativa que neutralice, nin que sexa parcialmente, a opción independentista. Non saben ofrecelo porque non saben o que realmente sucede en Cataluña.

Unha primeira mostra desa cegueira é non decatarse que a presidencia de Quim Torra está máis ca amortizada e que as críticas ao conseller Miquel Buch e ás actuacións dos mossos d’esquadra serían mostra desa resistencia a conservar as cadeiras. Non esquezamos que Buch pertence ao PDeCat. Se o divorcio no seo do goberno catalán entre ERC e JuntsxCat está cantado, agora emerxen as friccións internas nesta coalición en tanto e canto que o sector herdeiro de CDC andaría na procura dalgunha solución.

Por parte do PSOE, teñe que ser consciente que tarde ou cedo terá que afrontar o problema. Non facelo, non so levaría ao risco de que se enquistase senón que, nunha hipotética rebaixa da reivindicación independentista, fosen inmensa maioría os cataláns que se sentisen desafectos con España e co réxime establecido en 1978. Unha maioría que non se conformaría xa co estatuto de autonomía vixente, cuxa superación non controlada podería poñer en perigo a estabilidade do Estado.

Cando sectores tan pouco sospeitosos como as organizacións patronais e sindicais de Cataluña defenden a necesidade de diálogo entre partidos e gobernos, seguir a negalo supón unha alta irresponsabilidade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS