Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.07.2018 Actualizado 11:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Panorama político no conxelador

XOSÉ A. GACIÑO  | 16.04.2018 
A- A+

Os orzamentos xerais do Estado para este ano (que xa se presentaron con cinco meses de atraso) seguen pendentes de que se levante en Cataluña a aplicación do artigo 155 da Constitución, condición do Partido Nacionalista Vasco para apoialos. Pero o conflito catalán segue atascado entre as dificultades para facer valer a orde europea de detención contra Puigdemont e o empeño dos independentistas de non rectificar a súa estratexia á marxe da Constitución. E segue practicamente conxelada a actividade lexislativa no parlamento español (tamén, por suposto, no parlamento catalán, camiño de especializarse en investiduras interruptas): o goberno non ten maioría suficiente para desenvolver un programa coherente, pero si ten armas legais e trucos parlamentarios para bloquear sistematicamente as iniciativas lexislativas dos diferentes grupos de oposición. 

Estas son algunhas pinceladas do actual e deteriorado panorama político español, sen entrar no anecdotario interminábel de corrupcións diversas (o último capítulo, o dos másteres fantasmas). Pensouse que a irrupción de novas forzas políticas, a partir das eleccións europeas do 2014, ía traer aire fresco para renovar o ambiente enrarecido polas malas prácticas que se foron acumulando ao longo dos anos do vello bipartidismo, pero non parece que teñan respondido ás expectativas.

De momento, estes partidos emerxentes non pasaron de restar votos aos dous grandes partidos, pero sen desbancalos, e de acadar máis votos nas enquisas previas que nas eleccións reais. Tampouco conseguiron representación suficiente para completar maiorías parlamentarias cos seus afíns (dereita ou esquerda) e non mostraron capacidade de entendementos transversais cos non afíns, de maneira que seguiron sendo necesarios, como sempre que un dos grandes non conseguía maioría absoluta, apoios dos nacionalistas periféricos para gobernar. A imposibilidade de pactar agora cos nacionalistas cataláns, convertidos todos ao independentismo, é outra das razóns do bloqueo actual.

Pero quizais a razón fundamental deste bloqueo sexa a falta dunha cultura da negociación e do pacto, que parece que se esgotou naqueles anos da transición nos que se elaboraron a Constitución e os Pactos da Moncloa. Sempre menciono o exemplo de Alemaña, onde, despois da Segunda Guerra Mundial, ningún partido tivo nunca maioría absoluta e sempre houbo gobernos de coalición, ás veces (como agora) entre os dous principais partidos. E non é un caso único nesta Unión Europea que é precisamente resultado dunha secular cultura da diversidade e da liberdade que serviu para elaborar, a base de moito diálogo e de moita negociación, este ámbito de cooperación que agora sufre tantos acosos de intransixencias externas e internas (incluídos os que cambian de opinión sobre a UE dun día para outro, segundo o fallo xudicial que lles afecte).

Quizais sexa un pouco esaxerado, pero, a falta desa cultura do pacto, a situación política en España, desde o 27 de outubro do 2015 (cando se convocaron as eleccións xerais para o 20 de decembro daquel ano, que logo houbo que repetir o 26 de xuño do ano seguinte), é o máis parecido a un período de goberno en funcións, coa actividade lexislativa no conxelador.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS