Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

POSTURA UNÁNIME DOS CATRO GRUPOS

O Parlamento defende que o idioma galego continúe como materia troncal no ensino

SANTIAGO. EP  | 27.03.2013 
A- A+

Os catro grupos representados na Cámara --PPdeG, PSdeG, AGE e BNG-- aprobaron instar ao Goberno de Galicia a promover, dentro do marco do diálogo, "unha postura política común" para que o galego, en tanto que lingua oficial e propia da comunidade, "conserve a súa consideración de materia troncal no ensino", fronte ás dúbidas suscitadas pola designación que dá ás linguas cooficiais o proxecto de Lei de Mellora de Calidade Educativa.

Os populares apoiaron este punto dunha moción impulsada polos socialistas, aínda que rexeitaron o resto dos puntos, entre eles o que facía referencia a buscar un acordo "consensuado" sobre o galego no ensino non universitario que "substituíse" o decreto do plurilingüismo, unha norma que PSdeG, BNG e Alternativa apoiaron retirar co fin de recuperar o acordo en materia lingüística.

"O punto de partida debe ser retirar o decreto declarado ilegal por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e, a partir de aí, retomar a lei de normalización vixente. Xa que deron un bo paso non recorrendo as sentenzas, agora vaian un paso máis alá, retiren esta norma e abandonen o seu complexo co galego, que é máis ideolóxico que outra cousa", demandou o socialista Francisco Caamaño.

Tamén a nacionalista Ana Pontón incidiu en que se debe retirar unha norma "imposta" que o que provoca é que o galego sexa "unha lingua cada vez máis marxinada" cando a Xunta ten a "obriga legal" de promover o devandito idioma e alertou de que a nova lei estatal de educación pode relegala "a unha lingua de terceira".  Por iso, advertiu os populares de que "non valen discursos e palabras baleiras" e insistiu en que deben "retirar o decreto".

Así mesmo, o parlamentario de AGE David Fernández Calviño demandou tamén a retirada dun decreto que "condena o galego a desaparecer". "E o peor é que conseguiu a escusa da liberdade dos pais. Hai non moitos anos aplaudiron o asasinato de miles de civís en Iraq en nome da liberdade e agora, en nome da liberdade, queren acabar coa lingua deste país", repudiou.

"PERFECTAMENTE VÁLIDO"

Fronte a iso, o deputado popular Agustín Baamonde replicou que o decreto do plurilingüismo é "perfectamente válido" para o PP e esgrimiu que a consulta aos pais -- que se manterá, aínda que non terá efectos legais, segundo garantiu o propio Alberto Núñez Feijóo-- "non é o fundamental" para o "bilingüismo cordial" que abandeira o seu partido, senón o criterio de "equilibrio", que o TSXG "mantén absolutamente".

Por último, o voceiro do PPdeG no debate recordou as chamadas ao diálogo do presidente e volveu tender a man aos grupos da oposición, especialmente ao PSdeG, ao que ha recordando que "antes era o referente da esquerda", polo que o instou a "deixar de facer seguidismo" para recuperar a confianza da cidadanía.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS