Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.10.2018 Actualizado 18:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Parlamento galego traslada o seu apoio ao mantemento da prisión permanente revisable

A oposición acusa aos populares de "utilizar o sufrimento das vítimas" como "arma política"

SANTIAGO. EP  | 07.02.2018 
A- A+

O Parlamento de Galicia, cos votos a favor do PPdeG e o rexeitamento da oposición, trasladou o seu apoio ao mantemento da prisión permanente revisable incorporada ao ordenamento xurídico español en 2015 e instou aos diferentes grupos parlamentarios con representación no Congreso a que "reconsideren" a súa postura sobre esta figura penal.

Esta iniciativa, proposta polos populares, só contou co apoio do grupo maioritario xa que En Marea, PSdeG e BNG mostraron o seu rexeitamento e coincidiron ao acusar ao Partido Popular de "utilizar o sufrimento das vítimas" como "arma política".

A encargada de defender a iniciativa no pleno da Cámara galega foi a parlamentaria do PPdeG Paula Prado, quen destacou que "oito de cada dez" españois apoian o mantemento desta medida, para a cal familias de vítimas puxeron en marcha unha petición de apoios que conta xa con máis de dous millóns de sinaturas.

"Hoxe pídolles que escoiten á cidadanía, votantes de todas as cores políticas piden que se manteña esta pena", asegurou Paula Prado, que incidiu en que esta figura "está orientada á inserción social dos delincuentes".

Así, tras asegurar que a prisión permanente inclúese en "ordenamentos xurídicos doutros países de Europa para supostos de especial gravidade", subliñou que está creada para "protexer aos cidadáns de persoas que cometeron delitos gravísimos".

"Imos seguir defendendo os nosos principios e escoitando unha demanda da sociedade", apuntou.

REXEITAMENTO DA OPOSICIÓN
A iniciativa proposta polos populares contou co rexeitamento de todos os grupos da oposición que acusaron ao PP de facer "populismo punitivo" e "utilizar o sufrimento das familias".

E é que, detrás da petición que busca apoios en Internet para manter esta figura penal están pais de vítimas como Diana Quer, a nai das dúas menores asasinadas polo seu pai en Moraña (David Ouvel, o primeiro condenado con esta figura en España) ou os pais de Mari Luz Cortés e Marta del Castillo.

Respecto diso, o portavoz de En Marea, o maxistrado en excedencia Luís Villares, considerou que a "única finalidade" da iniciativa medida proposta polo PP é "xogar coa dor das vítimas na procura do beneficio propio".

Ademais, asegurou que en España a "función represiva está perfectamente cuberta" con penas máximas de ata 40 anos e advertiu de que a prisión permanente revisable "provoca unha perda absoluta do horizonte vital de liberdade" nos reos.

Nesa liña, a deputada socialista Patricia Vilán argumentou que esta pena é "absolutamente innecesaria" e responde máis ao "dereito penal do século XIX que ao do século XXI".

Tras iso, mostrou a súa "absoluta repulsa cara a quen, sen ningún pudor, pretende converter o sufrimento das vítimas nunha arma política arreboladiza".

Pola súa banda, a parlamentaria do Bloque Olalla Rodil tamén rexeitou a "instrumentalización" que, na súa opinión, "o Partido Popular fai dun estado de opinión enormemente marcado polos crimes".

O debate desta medida, que se celebra catro días despois de que o pasado sábado Juan Carlos Quer, pai de Diana, e Juan José Cortes, pai de Mari Luz, ofrecesen unha roda de prensa en Santiago en apoio desta medida, parouse durante uns minutos cando a oposición protestou polo feito de que Paula Prado acusase ao BNG de estar "ao lado dos verdugos" polo feito de que unha das súas deputadas publicase unha foto con Otegui.

A afirmación foi finalmente retirada do diario de sesións trala petición do presidente da Cámara, Miguel Santalices, que chegou á chamar á orde durante o debate tanto a Paula Prado coma a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS