Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 18.04.2014  | Actualizado 11.24

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LUCERNA DA PORTELA

Parque desolado

XOSÉ M. LOBATO MARTÍNEZ  | 29.11.2011 
A- A+

O Xurés, declarado parque natural hai preto de vinte anos, ten unha superficie de 20.920 hectáreas, inclúe as serras do Xurés, Santaeufemia, Monte do Quinxo e as proximidades da serra do Laboreiro. Sitúase na comarca do Baixo Limia, abrangue os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, é dicir, o sudoeste da provincia ourensá.


Unha alfaia única pola súa paisaxe, fauna, flora, historia, arquitectura,... moi sensible e de necesaria protección pola situación límite ao que están sometidas algunhas das especies que aquí se encontran.


Dende a súa declaración como parque natural é abraiante, sorprendente e paradoxal tanto delito contra unha zona necesariamente protexida. Os ataques co lume son un hábito ano a ano, mais despois das últimas dúas décadas a situación é caótica, semella terminal, a destrución levada a cabo polas lapas comeza a ser irreversible.


A pregunta está na rúa, qué facemos en materia de prevención dende a administración galega, despois dunha folla de ruta saturada de queimas, somos tan ineptos que non somos capaces de rematar coa lacra dos incendios.


Tristura no ronsel do éxito proclamado nas palabras do propio conselleiro de Medio Rural, ousadía imperdoable nun responsable público, pois a realidade outonal amosou a faciana mais espantosa das laradas incontroladas sobre o mural da Baixa Limia – Serra do Xurés, tamén noutros lugares de gran importancia medioambiental coma o parque do Invernadoiro.


É posible que non sexamos capaces de protexer tan prezados bens da diversidade encantada de Galicia. Entre os cádavos do presente outono seguro locen os epitafios para o conselleiro de Medio Rural, de persoeiros relevantes e recoñecidos nesta paraxe do Xurés, caídos na desventura das lapas. Acivros, teixos, sobreiras, carballos,... todos eles engrosaran a saturada nómina inocente do seu protector e conselleiro.


Un gran elenco chamuscado con nocturnidade e aleivosía, a súa desaparición doe, mais a intensa dor paralizante manifesta cando se comproba como ano tras ano os incendios devoran Galicia, ante os incompetentes que teñen a obriga de actuar fundamentalmente en prevención.


A limpeza desta era democrática pola que transitamos esixe responsabilidades, con aqueles que son incompetentes coma cos neglixentes, mais estes insensibles responsables nunca son culpables, foron quen de furtar a cara pétrea dos bolos chamuscados do Xurés, para viaxar cunha coiraza que os libera da realidade e os transporta o mundo da mascarada irresponsable.


O noso patrimonio natural necesita de actuacións urxentes, hai que protexer dunha vez un ben sen comparanza, que será o mellor legado para as xeracións futuras.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS