Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Partido de fume

JOAQUIM VENTURA  | 04.07.2018 
A- A+

Cando estamos en portas das primarias do Partido Popular –as primeiras que celebra- podemos constatar que o león non é tan fero como sempre nolo quixeron pintar. Diversos son os elementos que, sen unha análise demasiado profunda, o deixan en evidencia.

A primeira, é que o PP non estaba preparado para unha adversidade. Confiados tal vez naquel aforismo aznariano que sostiña que “todo ía ben”, nunca pensaron que poderían padecer unha catástrofe encadeada de moción de censura, perda do goberno e perda (absoluta) do líder supremo. Un baleiro que obrigaba á súa substitución con ese instrumento previo chamado eleccións primarias. Estaba nos estatutos do partido –o PP foi aceptando silandeiramente o que a sociedade impuxo: divorcio, matrimonio homosexual, lei de aborto de prazos, primarias- pero coa esperanza, non tan remota, de no ter que usar tal vía. Lémbrame o que sucedía nas masías podentes cando a comezos do século XX instalaron auga corrente e WC: amosaban a andrómena ás visitas ao tempo que engadían que “grazas a Deus, aínda non tivemos que usala”. Seguían a empregar o curral para as necesidades fisiolóxicas.

A segunda, derivada da anterior, é que candidatos e candidatas non souberon ben que facer nese proceso. ¿Debater? ¿De que? ¿Para que? ¿Disparidade de ideas? Nada diso: unicidade de pensamento co simple obxectivo de non dar imaxe de división. Finalmente, os máis salientables optaron polo pimpampum de ver quen dicía a maior digresión verbo da política do novo goberno socialista: que se os independentistas cataláns; que se a política penal verbo dos etarras; que se os acollidos do ‘Acuarius’; que se exhuma o cadáver de Franco, temos que estudalo. Co summum da proposta de Dolores de Cospedal para que todos os candidatos asinasen un acordo para rexeitar o achegamento dos presos independentistas a cárceres catalás.

A terceira. O censo de afiliados. Despois de presumir de ser o PP a maior forza política europea (nada menos que oitocentos setenta mil afiliados), resulta que os inscritos para exercer o voto nas primarias non exceden dos sesenta e seis mil, menos do dez por cento. Unha cifra –a real de inscritos- que sorprende xa de entrada pero aínda máis cando segue a ser inferior ao número de candidatos que o PP presenta nas municipais. Pero a cousa se agrava se temos en conta que os militantes votarán pero non elixirán: os dous candidatos que obteñan máis votos serán postos á consideración dos compromisarios do vindeiro congreso. O problema xace en que estes compromisarios, elixidos en función dos censos rexionais, supoñen unha distorsión evidente.

A cuarta. Ningún candidato –polo menos entre os destacados- confesa nin a súa liña de pensamento nin os apoios que ten. Para simplificar, cabería dicir que Soraya Sáenz de Santamaría representaría a opción centrista (a “esquerda” do PP, na liña legalista-moderada de Mariano Rajoy). Dolores de Cospedal sería a expresión da dereita “cañí” (católica de mantilla e procesión) e asemade cínica (son colección as mentiras pronunciadas pola secretaria xeral do PP). José Manuel García-Margallo personificaría os valores do liberalismo intelixente: velaí a súa entrevista pública con Oriol Junqueras en 2015 e a súa aceptación da liberdade para o presidente de ERC como elemento conciliador. E, finalmente, Pablo Casado, o camaleónico vestido de renovador, sería o unxido pola dereita extrema, servidora dos intereses económicos dos poderosos sen escrúpulos, máis centocincoentacinquista que a propia Constitución Española. Os restantes candidatos –José Ramón García Hernández e Elio Cabanes- son outsiders saídos das estruturas provinciais e cuxo papel –por desgraza- pode quedar limitado a roubar votos a algún dos “importantes”.

Pero estes –tal vez coa excepción de García-Margallo- non poden presumir de renovación en tanto que estiveron estreitamente comprometidos co tancredismo de Rajoy (sen entrar agora noutras sospeitas). Dificilmente poderían mover ficha agora cando antes –no goberno- non quixeron nin discreparon. E mentres tanto, corren o risco de ficar a moita distancia da aceptación social que poden ter as medidas do goberno Sánchez e, nun horizonte doutra lexislatura –seis anos-, o PP pode perder centos de miles de votantes nin que sexa por desaparición vexetativa.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS