Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ante unha moción do BNG

O Partido Popular rexeita derrogar o decreto do plurilingüismo no ensino e a oposición acúsao de querer "acabar co galego"

A nacionalista Ana Pontón dixo no pleno que Feijóo faille "un escrache" á lingua propia da comunidade dende que tomou as rendas da Xunta

SANTIAGO. EP  | 09.09.2014 
A- A+

O PPdeG rexeitou unha moción do BNG na que reclamaba derrogar o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario e elaborar unha nova norma conforme ás medidas acordadas no Plan de Normalización Lingüística. PSOE, AGE e a deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias, si apoiaron a iniciativa e coincidiu co BNG en que o PP quere "acabar co galego".

Na defensa da moción, a parlamentaria do BNG Ana Pontón sinalou aos populares como "desertores de Galicia e do galego" polas súas "mentiras, manipulación e prexuízos" contra a lingua, ao tempo que recordou as sentenzas que obrigaron a rectificar algúns aspectos da norma como o carácter vinculante da consulta aos pais.

Pontón acusou o PP de "lexislar contra o galego" e ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de facer "un escrache" á lingua propia da comunidade dende que tomou as rendas da Xunta. Na mesma liña, o parlamentario de AGE Xabier Ron incidiu en que "tódolos indicadores" do galego viven "en constante desequilibrio" malia as "falacias" que, no sentido contrario, difunde a Xunta.

"Se seguen así, levarán ao galego a unha situación de desaparición", sentenciou Ron, mentres que Francisco Caamaño ratificou a intención dos socialistas de apoiar a moción co argumento de que dende que Feijóo empezou a gobernar "non hai un só dato obxectivo que poña de manifesto que a lingua galega vive en normalidade".

Fronte ao "retroceso sistemático da lingua" denunciado por Caamaño, co que coincidiron o resto dos grupos da oposición, o popular Agustín Baamonde reprobou o "discurso negativista e catastrofista" sobre o idioma e rexeitou entrar nunha formulación "funeral", para engadir que os que "matarán" o galego son os que non "aceptan a realidade" ou usan "a demagoxia".

Por último, sinalou que cada vez que Pontón sobe á tribuna para debater sobre a cuestión lingüística "disputa". "E non sei a quen, nós non nos damos por aludidos porque non somos donos do galego, nin desertores de Galicia nin da lingua; somos fieis á maioría social que nos avala e que non entendería que aplicásemos as políticas nacionalistas", resolveu Baamonde.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS