Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Garante "estabilidade" por tres anos

A patronal firma con CC.OO. e UXT o convenio do metal de Pontevedra

Os empresarios confían en que este acordo sirva de "motivación" para lograr a paz social noutros sectores

VIGO. EP  | 12.07.2017 
A- A+

Responsables da patronal do sector do metal da provincia de Pontevedra e os representantes dos sindicatos CC.OO. e UXT celebraron este mércores o acto formal de firma do novo convenio colectivo, que terá unha vixencia de tres anos e que afecta a case 30.000 traballadores.

Tras máis dunha ducia de reunións, a negociación entre as partes (que se iniciou en febreiro pasado) concluíu a pasada semana cun preacordo subscrito por estes dous sindicatos. Pola súa banda, a CIG desmarcouse do pacto, ao considerar que se "precarizan" as condicións dos traballadores.

Ademais da vixencia de tres anos, o acordo contempla incrementos salariais do dous por cento para 2017, do 1,25 por cento para 2018 e do 1,25 por cento para 2019. Tamén se inclúe a cláusula de revisión salarial "ligada ao IPC real de cada ano", ademais doutras melloras como a voluntariedade nos desprazamentos para colectivos determinados, mantense a indemnización por fin de contrato eventual e obrígase ás compañías multiservicio a "aplicar o convenio do metal cando operan en empresas dese ámbito".

O portavoz da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, celebrou o acordo porque "garante a estabilidade" para as empresas no próximos tres anos e permítelles "facer as súas previsións con máis tranquilidade". "É un convenio garantista cos dereitos dos traballadores", incidiu, e recoñeceu que os empresarios cederon en cuestións que "inicialmente non querían aceptar", como a cláusula de revisión salarial ou a regulación das empresas multiservicio.

Así mesmo, Mallón expresou a súa confianza en que este convenio poida "provocar unha maior motivación noutras negociacións, e que se poidan chegar a acordos proximamente", en alusión ao "clima sociolaboral un pouco revolto que hai en Galicia".

SINDICATOS

Pola súa banda, a representante de UXT, Ana Belén Valiño, valorou que o convenio pactado inclúe dúas demandas que o sindicato considera "fundamentais": a cláusula de revisión salarial, que "garante o mantemento do poder adquisitivo", e a regulación das empresas multiservicio, que "fan moito dano e fomentan a competencia desleal entre empresas e traballadores".

Valiño tamén subliñou a importancia de que se alcanzase un acordo antes de entrar de cheo en período de vacacións estivais, o que permitirá que os traballadores se beneficien da retroactividade nos incrementos salariais e outras medidas de carácter social.

Por último, Celso Carneiro, de CC.OO., lamentou a ausencia da CIG no acordo, e lembrou que o metal da provincia de Pontevedra leva "cinco convenios en 11 anos" sen a presenza do sindicato nacionalista neses acordos.

Ao seu xuízo, esta "estratexia político-sindical" é un hándicap para os representantes dos traballadores, que sentan á mesa de negociación nunha posición de maior "debilidade". No entanto, destacou que, a pesar desas condicións, logrouse un acordo con avances.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS