Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Pedir perdón

MANUEL MERA  | 02.04.2019 
A- A+

A esixencia de López Obrador (AMLO) ao Rei de España e ao Papa de que pidan perdón pola conquista de México carece de valor se fica só nun acto simbólico, máxime se ademais se fai nas accións deste tipo que se deron en todo o mundo. Coido que o presidente de México é unha persoa formada, coherente coas súas conviccións, capaz de superar as situacións máis adversas, como foi que lle “roubasen” nas eleccións no ano 2006. Tampouco se pode ignorar que desenvolveu unha acción salientábel como xefe de goberno do Distrito Federal de México (2000-2005). Miña primeira valoración de AMLO foi nun acto na praza do Zocalo en México no ano 2008, ateigada por centos de milleiros de persoas das clases populares, co seu discurso tranquilo, republicano, reivindicativo. Escoiteino despois en tres oportunidades nos Seminarios Internacionais organizados polo Partido do Traballo de México, nos anos 2009, 2011 e 2012. Coido que é un dirixente preparado, que fuxe do populismo. Entendo que con este debate busca entrar en temas máis de fondo, actuais e políticos.

Polo tanto, entendo que se pretende abrir un debate sobre a caracterización que destes feitos se debe facer, na procura de xustiza e rigor histórico. De xeito que os procesos de conquista e colonización sexan valorados con obxectividade, é dicir: como accións de forza, masacres e destrución e subordinación das culturas autóctonas. Terminando así co mito de que houbo un encontro cordial entre culturas ou de aportes civilizatorios gratuítos, que o xustifican todo, tamén na actualidade, aínda que se faga con máis literatura. As conquistas sempre se realizaron por razóns económicas e de poder, nunca para liberar e transferir coñecementos. Se así fose non se aceptaría a competencia como un valor primordial, por riba da contribución colectiva. Daquela a globalización neoliberal hoxe, e o capitalismo en todas as súas etapas, perdería a súa principal base de sustentación.

Sen reescribir a historia dende unha óptica plural, dignificando o papel e o aporte á humanidade dos pobos vencidos e sometidos, non se pode pasar páxina nen falar de xustiza, e avanzar na construción dun mundo solidario, de iguais. E, o máis grave, as potencias actuais seguiran utilizando a escusa do carácter benefactor da inxerencia e da invasión. Antes co argumento da liberar mediante a fe relixiosa, e agora cunha democracia aparente e o libre mercado. Polo tanto, no fondo, que é o importante, o debate que abre o presidente de México co gallo de se cumprir nos vindeiros anos o 500 aniversario da caída e destrución de Tenochtitlán (13 agosto de 1921), non está tan errado, nen fóra de lugar. Sempre que esta reinterpretación se realice con respecto a todos os feitos históricos, e sirva para recoñecer e dar valor á pluralidade da humanidade e un trato de iguais.

Tendo en conta o anterior, ademais de facer xustiza histórica este debate debería permitir, até onde sexa posíbel, subsanar os custes da conquista e colonización. Ser analíticos e autocríticos co pasado debe deixar ensinanzas, permitir correccións, servir de ferramenta transformadora, de punto de encontro entre os pobos. Por exemplo, no caso concreto de México, potenciando as culturas e linguas autóctonas, e facendo un esforzo especial para desenvolver a economía, transporte e servizos públicos nas zonas indíxenas, que están entre as máis empobrecidas do país. Algo semellante ten que acontecer a todos os niveis, en todos os países, e nas relacións entre estes.

Para dar estes pasos adiante non se pode matar o debate, uns vendo só a conquistadores asasinos, e outros, a pobos crueis e atrasados. E moito menos albiscar esta cuestión como exclusiva de Asia, África e América, xa que esta problemática forma parte da nosa contorna, e da nación galega. A cuestión das nacionalidades históricas, a diversidade lingüística e cultural, aínda son tan difíciles de asimilar polo Estado español como cando comezou a conquista de América. O perdón para que teña un valor real debe traducirse fundamentalmente nunhas regras de xogo que non fagan trampa, que anulen a vantaxe histórica, conseguida mediante a forza, dos pobos e clases dominantes. Así de sinxelo, e así de difícil de ser aceptado, porque se axeitaron as palabras aos fins da cobiza e o poder.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS