Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Familia pétrea con esplendoroso vocabulario de seu. Relacionarse con estes senlleiros e fiables historiadores non é doado, pois necesítase unha sensibilidade especial para comprender a transmisores dos tempos remotos.
Galicia é ese asentamento onde estes serenos e sobrios comunicadores posúen nome propio maioritariamente, dende os aturuxos ancestrais as pétreas foron veneradas e, tamén xénese de vitais rituais. O seu rol de mensaxeiros é realizado con seriedade, sobriedade e máxima sinceridade, valores cada vez máis escasos no pobo que rodea a estes auténticos monumentos da sapiencia.
Hoxe somos afortunados, pois temos a posibilidade de escoitar a un emblema das terras de Trives, profundas e intensas experiencias da pena Folenche. Na súa memoria a longo prazo preserva a película da historia viva do esvaradío paso pola contorna dos ríos Navea e Bibei.
Deuses de esguello que condecoran con tan privilexiada situación concédenlle gratificación especial de observadora intemporal. Unha panorámica que bica con anhelo as bágoas do luar mentres procura a virxinal pureza no resplandor de branca manta e, cando alborexa o canto estival en rendición o astro real, observar a pureza do rosmar das altitudes crebadas de San Xoán do Río, Cabeza de Manzaneda, Pena Trevinca,...
Pena Folenche unha deusa de fortuna sen par. Só esta pena orgullosa foi o gran trampolín que lanzou a Santiago nun arriscado salto para que deixara a pegada do seu cabalo na fraga. Fraga de vida e ledicia que agoniza lentamente. Na actualidade os seus seres nativos no esquecemento da maioría, as mozas xa non recollen as castañas nin cantan entre a espesura, tampouco se reúnen nos sequeiros en ruínas.
Inspiración sostida da Pena agasallada por tantos merecementos acadados, unha xoia decorada do máis necesario abalorio, un complemento de gran impacto visual. Alí sobre a mesma Folencha un depósito de mínima capacidade, construído con bloques e coas tubaxes oxidadas o descuberto.
Desafortunada actuación dos responsables de semellante esperpento, mais a pena Folencha xamais vai renunciar a súa identidade, vivencias, crenzas e, moito menos á súa histórica fala. Os galegos e galegas, que procuramos coidar e nos sentimos orgullosos do noso extenso patrimonio, somos descendentes por mentalidade de Folenche, por iso temos o corazón nas mans cando transmitimos en galego as verdades máis verdadeiras dun tormentoso pasado e presente que non deixa ao estralampo brillar con forza.
Lembra a nosa pétrea protagonista que preservar a biodiversidade é darlle unha oportunidade ao futuro. O binomio de Galicia por excelencia é a nosa lingua e natureza, unha alfaia da diversidade, polo tanto, un ben extremadamente escaso.
