Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 24.05.2013  | Actualizado 12.57

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Os peores cegos

JOAQUIM VENTURA  | 18.09.2012 
A- A+

Din que nos casos de divorcio –sen adulterio por medio-, o marido sempre é o derradeiro en decatarse do asunto. Maior estupefacción soe darse (nela) aínda cando é el quen o solicita. Claro está que, en moitas ocasións, quen se considera afectado ou vítima viviu moitos anos no autoengano de pensar que podía manter o cónxuxe ao seu carón por pura inercia. E non: o amor ten que ser gañado día a día.

Pois algo semellante sucédelle a Madrid –en tanto que núcleo de poder e esencia de España- verbo de Cataluña. Cando se pasou da desafección de esta –en verbas dalguén tan pouco sospeitoso como José Montilla- a encetar a vía da posible independencia é sinal de que España padeceu desa inercia conxugal na que se instalan os que cren na indisolubilidade do matrimonio.

Un dos problemas que, por razóns diferentes, teñen os nacionalistas orgánicos é a consideración metafísica da patria, chámese España, Galiza ou Cataluña. Pero no caso dos que senten devoción pola primeira engaden un descoñecemento da historia á mantenta. Un dato, que xa citei algunha vez aquí, ao fío dos supostos cincocentos anos de unidade española que proclamaba Núñez Feijoo: ¿houbo trauma "nacional" cando Felipe IV negociou a cesión a Francia do Rosellón en 1651? Ou non se sentían aquelas terras coma españolas, tan españolas como Asturias ou Andalucia? Evidentemente, non, unha vez a súa efémera segregación fixo de Cataluña unha traidora á coroa. Circunstancia que ficou confirmada cando se rebelou contra Felipe V en 1705.

Madrid quixo asimilar –sen éxito, naturalmente- as diversidades, co antigo réxime ou co liberalismo, coa restauración monárquica e coa ditadura franquista. A única excepción, a Segunda República pero sempre coa teima –común a dereitas e esquerdas- expresada por José Calvo Sotelo de preferir unha España roxa antes ca rota.

As inercias xeopolíticas non saben de réximes políticos e, así como os problemas do imperio ruso pasaron a ser os da URSS, a condición centrípeta de Madrid como capital do Estado excede a conformación de España como monarquía, república ou réxime autoritario. Madrid sempre quererá máis. E nesa cegueira calquera advertencia allea topará coa envoltura refractaria da súa condición de capital. Máis alá de alardes identitarios, a singularidade –Cataluña non é a Rioxa- require solucións singulares. Pero, polo visto, a vaca catalá ten leite eterno e, claro, chega un punto en que di que abonda.

E se o PP xa xogou con lume cando recollía sinaturas contra o segundo Estatut –todo valía para desgastar a Rodríguez Zapatero-, botou literalmente o bidón de gasolina cando –retallado polas Cortes e referendado polos cidadáns- presentou un recurso no Tribunal Constitucional que foi considerado en boa parte polos seus maxistrados. O resultado foi aquela manifestación de indignación de xullo de 2010. E seguiron sen querer ver. E seguiron a negar incluso o que a lexislación e o Estatut, dobremente retallado, obrigaba.

E malia a presenza de un millón de cidadáns na rúa, seguen a manter a cegueira e a negar a maior. Os uns e os outros. Os que gobernan e que só consideraron as autonomías como "café para todos" e campo para o clientelismo, e os que gobernaron, que agora falan dunhas solucións federais que esqueceron cando estaban no poder.

E pensan como os maridos ou as mulleres cuxos/as respectivos/as lles din que non os esperen a cear nunca máis: seguen a crer que, como o quecer da casa, en ningures. O problema é que daquela non hai calefacción doméstica dabondo para certas frialdades.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS