Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 22.11.2014  | Actualizado 12.34

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

O SAL DA TERRA

Pequenos tesouros mecos

JOAQUIM VENTURA  | 10.10.2011 
A- A+

As pequenas ou grandes historias persoais soen quedar esquecidas se se trata de xentes do común. Porén, a suma delas dá como resultado a paisaxe que fai que unha vila ou unha cidade resulten distintas das outras. Nese senso, e as máis das veces por razóns xeográficas, hai vilas que gozan dunhas peculiaridades que as fan singulares. E unha das que cabería considerar así en Galicia é O Grove, cuxos habitantes danse a se mesmos o calificativo de mecos. Para Álvaro Cunqueiro tiñan categoría dabondo como para ser alcumados de grovios, como se se tratase de xente de polis grega.
Recoñezo que a miña percepción do Grove está condicionada por dous feitos que nunca esquecerei na vida: pasei alí un dos meus mellores aniversarios cando eu estaba un curso de verán en Vilagarcía, hai xa case vinte anos. O segundo feito, consecuencia do anterior, sucedeu dous días despois cando, estando en Cambados, me acheguei a levar unha flores a Sonia –que me invitara á casa da súa familia- e pensei comer na vila: no “Pichi” atopei unha nécora como nunca vira e nunca volverei a ver. Perdín o autobús e tiven que coller un taxi para regresar a Vilagarcía pero pagou a pena.
O Grove, alén doutras cualidades, ten vontade de conservar a memoria colectiva e para iso os seus dous istitutos de secundaria, As Bizocas (en San Vicente) e Monte da Vila, contan cun equipo de normalización língüística, formado por Arximiro Fernández Cabanelas, Rosabel Magdalena, Patricia Arias Chachero e Antón Mascato. Patricia e Antón publicaron hai dous anos Mecas. As memorias das mulleres, ao que seguiu o ano pasado Mecos. A memoria dos homes e As colareiras do Grove. 
Para iso contaron coa complicidade dos alunos e das familias, que aportaron noticias e fotografías das persoas que foron o pasado recente do Grove, e que nos informan de ilusións, de traballo, de soños, de festas, de deportes, de escolas, de casamentos.
O pasado xoves 29 ambos istitutos presentaron o Dicionario dos alcume do Grove. As nosas chatas, que recolle alfabeticamente aqueles sobrenomes que, con menor ou maior fortuna, a imaxinación popular aplicou aos seus convenciños para distinguilos ou para burlalos e que os alunos recolleron.
Non cabe dúbida que estes libros provocan curiosidade para atopar quen aparece e quen non pero iso mesmo supón recoñecer a tarefa dos autores e das autoras para facelos posibles. Esta memoria colectiva forma parte do patrimonio inmaterial galego e constitúe un verdadeiro arquivo do pasado inmediato.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS