Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

XACOBEO

Peregrinos protexidos nas rutas do Camiño

Mil voluntarios atenderon 4.000 incidentes no que vai de ano

REDACCIÓN E AXENCIAS . SANTIAGO   | 30.03.2010 
A- A+

AXENCIAS
Os remeiros andaluces conducen a embarcación pola ría de Vigo
FOTO: AXENCIAS

O milleiro de voluntarios de Protección Civil que participa no Plan de Atención ó Peregrino 2010 impulsado polo Goberno galego con motivo do Ano Santo atendeu nos tres meses que leva funcionando case 4.000 incidencias -unhas 50 ó día- nos máis de 80 concellos polos que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago. "Nunca nos imos cansar de animar os voluntarios e agradecer o seu traballo", proclamou o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, antes de presidir a Comisión Galega de Protección Civil, que ratificou onte este plan de voluntariado, para o que a Xunta case triplicou o seu esforzo económico, pasando de 300.000 a 800.000 euros de dotación.

Rueda agradeceu a "xenerosidade" dos voluntarios, que "colaboran" e dedican "o seu tempo libre" a continuar a súa formación. "É o que permite que en Galicia haxa unha das mellores redes de Protección Civil que hai en España", asegurou, e reivindicou os medios e a coordinación para o voluntariado. Entre os labores que desempeñan os voluntarios do plan se inclúen a inspección dos camiños, comprobando o seu estado de conservación e mantemento, informar das deficiencias detectadas, así como orientar os peregrinos e atendelos en primeira instancia se están feridos ou lesionados. O plan, que xa presta servizo ós peregrinos que se achegan a Galicia, reforzarase para o verán, tanto para atender os moitos visitantes que se achegarán á comunidade, como para establecer operativos especiais de Protección Civil nos eventos nos que están previstas grandes concentracións de persoas.

Seis concellos máis dispoñen xa do Plan de emerxencias

O titular de Presidencia avogou por "seguir traballando" para que todos os concellos galegos poidan ter "o seu plan de urxencias" que é tanto como dicir "que estarán coordinados" cos medios da Xunta e da Administración xeral do Estado para intervir en urxencias. Así, co fin de avanzar nesta "coordinación", a Comisión de Protección Civil, reunida onte na capital galega, autorizou os plans de urxencia de seis concellos -Carballo, Verín, Narón, Redondela, Salceda de Caselas e Ferrol-, co que son case 40 os municipios cun plan homologado en Galicia.

A Xunta formará e acreditará os voluntarios

A Consellería de Traballo e Benestar asinou onte convenios de colaboración con 18 concellos no marco do programa Voluntariado Xacobeo 2010, que xa conta con 500 inscritos e cuxos participantes percorrerán as rutas para dar información e acompañar ós peregrinos. En concreto, participan os municipios de Triacastela, Sarria, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino, en representación do Camiño francés; Tui e A Guarda, do Camiño portugués; Padrón pola Ruta de Arousa; Laza, Xunqueira de Ambía e Lalín pola Vía da Prata; Ribadeo e Vilalba do Camiño do norte; Mesía, do Camiño inglés; e, para rematar, Negreira e Fisterra, que serán os representantes do seu camiño. Beatriz Mato destacou o "papel especial" dos concellos na coordinación destes traballos. Con esta premisa, a Xunta dotará de 5.000 euros a cada municipio para custos derivados de ditas tarefas e que se poderán ampliar a 3.000 euros máis. A Consellería asumirá a coordinación global dos voluntarios, a formación, a distribución polas distintas zonas e a acreditación necesaria para facilitar a súa tarefa.

A INICIATIVA

Málaga peregrina a Compostela a bordo dunha barca tradicional

Ilusión e esforzo. Con estes dous ingredientes, oito remeiros malagueños embarcáronse este domingo na jábea Araceli, barca tradicional malagueña de orixe fenicia cun obxectivo: sumarse á celebración do Ano Santo cunha peregrinación a remo polas Rías Baixas. Guiados por un patrón e xunto a varias persoas de apoio e de relevo, establecéronse xornadas de 30 quilómetros (6 horas de actividade diaria) para chegar o venres santo ó seu destino: a Praza do Obradoiro. O obxectivo esta iniciativa pioneira -é o primeiro percorrido dunha barca jábea fóra de Andalucía- é dar a coñecer este tipo de embarcacións populares e estreitar lazos cos clubs de barcas tradicionais galegas, ademais de promocionar a candidatura para o 2016 de Málaga como capital cultural.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS