Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Pérez Bouza pide a baixa do BNG por discrepancias políticas

Desvincula a súa decisión doutras correntes ou colectivos

SANTIAGO. EP  | 10.02.2012 
A- A+

O exsenador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza solicitou este venres a súa baixa como militante da formación nacionalista por discrepancias políticas tras a XIII Asemblea Nacional que se celebrou a finais de xaneiro, unha determinación que desvinculou das decisións que poidan adoptar outros militantes e que adoptou, segundo explica, despois dun período de "reflexión".

Nun comunicado remitido dirixido aos medios, explica que acaba de tomar a "decisión" de solicitar a baixa como militante, despois "dun proceso de reflexión" no que estivo nos últimos días, o cal xa comunicou a sede mediante un escrito dirixido á secretaria de Organización, Monste Prado.

"A miña é unha decisión persoal, que responde a razóns concretas, que non son persoais senón políticas, e que non dependen en absoluto da decisión que poidan tomar outros militantes a título individual, nin colectivos, ou correntes organizadas", aclara Pérez Bouza.

Na súa misiva, Pérez Bouza sinala que xa no Consello Nacional do 26 de novembro expresara a necesidade de aproveitar a asemblea para "reformular o proxecto político" co obxectivo de que saíse "un novo BNG" do conclave nacionalista, tanto na estrutura coma nos referentes, é dicir, o que resumiu nun "BNG unido, forte, útil para Galicia e disposto a conquistar a confianza da maioría social".

Así, explica na carta que, posto que o resultado da asemblea "foi todo o contrario, de clara confrontación e, lonxe de reformular o proxecto e de reformular o proxecto, o que se fixo foi reafirmarse na liña, na práctica política e nos referentes", ademais de dotarse dunha estrutura organizativa "aínda menos eficaz", segundo sinalou ao seu "modesto entender".

"Pero dada que a decisión foi tomada lexítima e democraticamente pola maioría dos militantes que asistiron á asemblea nacional, só queda pola miña parte respectar a decisión, o que non quere dicir que teña que compartila e, moito menos, defendela se as discrepancias son considerables", agregou. Ao seu xuízo, o camiño escollido polo BNG é "moi distinto" ao que el considera que se debería escoller "para aspirar a ser unha forza maioritaria en Galicia, preparada para disputarlle a hexemonía electoral ao PP e o PSOE,".

PALABRAS DE GUILLERME VÁZQUEZ

Así mesmo, indicou que tamén influíu na súa decisión, tomada despois dunha "profunda reflexión", as palabras do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nas que invitou este xoves aos militantes a decidir canto antes sobre a permanencia na fronte. "Cheguei á conclusión de que o mellor para o BNG é que solicite a miña baixa como afiliado desta organización, xa que por responsabilidade e coherencia político, entende que os órganos de dirección teñen todo o dereito a poñer en marcha a liña política que se aprobou", explica.

Pérez Bouza, afiliado na bisbarra de Allariz-A Limia-Maceda, despídese desexando ao BNG "éxito no futuro" e agradecendo "a confianza depositada nel", ao ser proposto para diversos cargos de representación de confianza, como senador por designación autonómica na lexislatura pasada e por proposta do BNG cando Anxo Quintana era vicepresidente da Xunta.

"DISPOSTO A PARTICIPAR"

Pérez Bouza deixa a organización na que militou durante 20 anos. "Agora, evidentemente voume para casa despois de 20 anos na primeira liña política, e xa se verá se hai unha nova forza política, galeguista e progresista", declarou a Europa Press o exsenador tras coñecerse a baixa como militante, que sucede á súa decisión tomada pouco antes da asemblea nacional de deixar o cargo de responsable comarcal en Allariz-A Limia.

Sobre a posibilidade de que xurda unha nova forza política, considera que, para iso, "ten que haber referentes e líderes dispostos a poñerse á fronte" e, neste sentido, considerou que da asemblea nacional de finais de xaneiro se produciu un "caldo de cultivo" que agora haberá que observar se canaliza.

En todo caso, Pérez Bouza, que se revela como unha persoa á que le "gusta a política", móstrase "disposto a participar" dun novo proxecto. Iso si, advertiu que só poderá xurdir unha opción "se hai demanda da sociedade", algo sobre o que estima que hai que estar atento.

De ser así, "unha condición previa fundamental" é que non repita fórmulas do BNG, xa que, ao seu xuízo, o "frentismo foi un lastre" nos últimos anos para a formación nacionalista, se ben considera que foi "necesario" no inicio da formación nacionalista. "Hai que chegar a puntos de encontro", expresou coa mirada posta na posibilidade dunha alternativa política nova.

PRESENTACIÓN DUN LIBRO

Un día antes de formalizar a súa baixa no BNG, este xoves, Pérez Bouza arroupou a presentación do libro 'X un común denominador' do alcalde de Teo e membro do Encontro Irmandiño, Martiño Noriega, nunha acto que tivo lugar en Ourense, e onde o exsenador avanzaba a súa saída do Bloque de forma velada ao desexar "moito éxito" e dicindo, en referencia aos membros do BNG, "ogallá lles vaia ben".

Durante a presentación do libro publicado por 2.0 Editora e Edicións do Castro, e que recompila artigos publicados en prensa, así como textos de Xosé Manuel Beiras e Isaac Díaz Pardo; Xosé Manuel Pérez Bouza asegurou que "isto colleu un camiño". "E agora a xente espera que esas forzas conflúan nun común denominador. Se hai vontade de chegar a un común denominador, haberá luz ao final do túnel e acabará habendo un instrumento político", reflexionou a preguntas dos asistentes ao acto, na que dixo que "cando nunha organización se fala de vencedores e vencidos (en referencia ao BNG), algo falla".

Pola súa banda, o autor do libro explicou que o "común denominador" é "apostar polo que une e non polo que separa". "Non sei que vai pasar, podemos poñer un interrogante (ao título do libro), temos entre todos que discutir, ningunha cuestión está blindada, é unha nova época histórica", reflexionou, quen, tras aclarar que non lle gusta "falar de vendedores e derrotados", concluíu: "Moitos apostamos por tender pontes, e ao final chegas á sensación de que os que tiraron contra a outra situación foron os que gañaron".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS