Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 30.10.2014  | Actualizado 21.08

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A perversión do sistema parlamentario

M. DE BRAN  | 05.09.2011 
A- A+

Con motivo da pactada reforma entre Zapatero e Rajoy do artigo 135 da actual Constitución, referido á débeda pública do Estado, para fixarlle a esta un tope e así controlala (a cifra deste tope non se quere, intencionadamente, concretar), a maioría dos parlamentarios do PSOE e do PP mostrouse remisa a consultarlle ó pobo esta emenda constitucional, contribuíndo así a perverter o sistema parlamentario.

Tampouco fixeron nada os deputados e senadores da dita maioría por someter a referendo as leis conflitivas do PSOE en relación coa educación, o matrimonio de parellas do mesmo sexo e o aborto. Os socialistas, responsables delas, non as quixeron someter a votación popular porque sabían de sobra que serían rexeitadas. E os do PP contentáronse con recorrer as dúas últimas ó Tribunal Constitucional.

Na reforma sen referendo do dito artigo 135 da Constitución, os cidadáns ven que poderes externos máis poderosos e sofisticados cós do Parlamento por eles elixido controlan a economía e a política do país. E a esta perversión súmase a da utilización do Parlamento desde o seu interior polos partidos para manterse no poder ou conseguilo, antes que para revolverlles os problemas ós cidadáns. E tamén se lle suma a perversión de utilizar as demais institucións do Estado para a loita política partidista e a creación nelas de postos cos que pagarlles favores ós amigos, que despois viven neles de moca á conta dos contribuíntes.

Esta maneira perversa de utilizar as institucións do Estado é moi visible nalgunhas deputacións e nalgúns concellos, dos que sobran máis da metade dos 8120 existentes, como sobraron noutros países. Mención especial merece a utilización partidista do ensino público, que durante os últimos 26 anos estivo ó servizo da ideoloxía do PSOE. E que en Galicia se compaxina co españolismo do PP, que o dirixe cun desinterese radical pola lingua e cultura galegas. Exemplos elocuentes estes da partitocracia reinante no ensino.

Pero ás perversións do sistema parlamentario arriba descritas hai que engadirlles outra aínda máis grave: a falta de respecto pola separación dos poderes lexislativo, executivo e xudicial (debida a Montesquieu, que a tratou na súa obra O espírito das leis), que os políticos mesturan cando queren e como lles peta. Sen ela a democracia non pode funcionar, por producirse a crise do sistema parlamentario, como sucedeu despois da Primeira Guerra Mundial. Entón, o sistema parlamentario foi substituído en varios países por Estados totalitarios, como o chamado Estado corporativo ou fascista fundado polo exsocialista Mussolini en Italia, o nazi creado por Hitler en Alemaña e o comunista de Lenin en Rusia, entre os máis destacados. Todos eles se caracterizaron por poñer a sociedade ó servizo do Estado, sen admitir opinións discrepantes e con funcionarios do Goberno controlándoa en todo.

Cando me pregunto por qué os parlamentarios son tan remisos en consultarlle ó pobo o que lexislan (consultas que son habituais noutros países democráticos, como Suíza ou todos os Estados de Estados Unidos) non atopo máis resposta cá dita perversión do sistema parlamentario. Por iso penso que é un deber de todo demócrata reivindicar que deputados e senadores miren máis polo pobo e non sexan uns meros autómatas das cúpulas dos partidos, é dicir, uns adeptos á partitocracia. A non ser que queiramos vivir só para o Estado e do Estado mangoneado por catro gobernantes, como ocorreu nos totalitarios antes citados. Cuns parlamentarios comprometidos cos electores, é dicir, máis demócratas, non faría falta emendar o artigo 135, porque xa non lle autorizarían por lei ó Goberno endebedarse máis da conta, autorización que esixe o dito artigo no parágrafo 1: “O Goberno terá que estar autorizado por lei para emitir débeda pública e contraer créditos”.

A probabilidade de que se celebre o dito referendo é practicamente nula, por non haber un número necesario de deputados e senadores dispostos a solicitalo (35 deputados ou 26 senadores). No caso de que se celebrase, nós votariamos a favor de poñerlle límite á débeda pública. E votariamos así non unicamente para tranquilizar os mercados, que é polo que din que van votar a maioría dos parlamentarios, senón para evitar que os políticos poidan emitir a débeda pública que lles conveña para seguir financiando a comia que algúns teñen montada de vello. Porque estou convencido de que só a desmontarán cando queden sen cartos para a soster, e non por máis que se lles diga. E tamén o estou de que a controvertida reforma debería ser acordada coas Comunidades autónomas.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS