Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O perverso relato dos recortes democráticos

MANUEL MERA  | 06.11.2019 
A- A+

Aínda que o debate se centrou en quen tiña máis man dura con Cataluña, e en facer méritos de españolismo por todos os partidos, agás por parte de Pablo Iglesias que se situou comodamente no dialogo e na esquerda, un espazo abandonado polo PSOE. Polo tanto o xiro a dereita é tan profundo que non se pode considerar táctico, e nos vindeiros anos afectará dereitos democráticos, porén tamén sociais. Ficando para revertelo o soberanismo das nacións dependentes como os proxectos máis sólidos.

Para alén da confrontación dialéctica co PP e Ciudadanos, Sánchez está poñendo pedra tras pedra na construción dunha ponte coa dereita que lle facilite a súa investidura, en caso de que sexa a forza máis votada, sen necesitar do soberanismo, e afastándose de Podemos. Terá algo que ver coa crise? E, malia que os medios destacan o posíbel empate do bloque da esquerda e da dereita, obviando ás forzas do nacionalismo periférico, son estas as que na pasada lexislatura son necesarias para garantir un Goberno central virado á “esquerda”, xa que terán no Parlamento sobre 40 deputados/as.

O PSOE teima dende hai meses en dúas ideas que teñen consecuencias sobre o respecto á vontade popular, ou sexa, á democracia. A primeira, que as forzas soberanistas deben estar á marxe da governabilidade do Estado. A segunda, que o partido máis votado debe ser o que goberne, restándolle deste xeito forza ao Parlamento e á vontade popular que, en situacións como a actual expresase mellor a través dunha alianza, mesmo excluíndo ao partido máis votado. Aceptando a teoría do PSOE resultaría que Pedro Sánchez (ou Casado) co 30% dos votos, e se só participa un 70% do censo, formarían Goberno cun 21% de apoio popular, ou sexa: o Poder Executivo sería exercido por unha minoría.

Con esta folla de ruta non é de estrañar que se busquen outros camiños para asegurar que todo siga igual, tendo en consideración a perda de apoio social dos partidos sistémicos, tanto polo aumento da abstención como polo fragmentación do voto. Por exemplo premiando á primeira forza cun plus de representación (algo que xa existe coa Lei de Hont, aínda que dun xeito morno), ou esixir unha porcentaxe determinada a nivel do Estado que exclúa ás forzas soberanistas. Hai escusas para todo, neste caso considerar como unha norma a imposibilidade de pactos entre partidos, porque ficarían espidos diante un electorado que historicamente os considerou antagónicos. Mais neste intre, cun capitalismo senil e cada vez máis desprestixiado, están forzados a salvar un sistema que, con diferenzas, a social-democracia e a dereita consideran como insubstituíbel, daquela que abertamente ou durante a noite se busque reproducir, cando non queda máis saída, o modelo de Alemaña.

Polo tanto, non é de estrañar que comecen a socializar por parte do PSOE, en referencia aos impedimentos para realizar pactos a determinados niveis co soberanismo e Podemos, que existe un salto cualitativo, de capacidade real, entre as competencias de concellos e autonomías e as institucións do Estado español. Algo que é verdade, porén que sempre negaron para vender o Estado das Autonomías como un avance inmenso que implicaba un certo autogoberno. Non esquezamos que as competencias en materia económica e laboral, dos impostos esenciais, que teñen unha relación básica co reparto da riqueza e do traballo, entre territorios e entre clases sociais, dependen directamente das institucións centrais do Estado español. Mesmo en temas como a historia e as linguas déronse moitos pasos atrás para garantir que o castelán teña un trato de privilexio, Por se non abondase a LOAPA, a Lei de Unidade Mercado e a Comisión da Competencia, baleiraron de atribucións nuns casos e axen como mecanismos disciplinadores noutros, para evitar que dende as nacionalidades e autonomías da periferia se desenvolvan dinámicas propias.

Nun marco de descontente social moi grande, que se manifesta nas protestas laborais e sociais, nas reivindicacións nacionais e democráticas, e diante dunha crise sistémica e ecolóxica, mais tamén de representatividade, todo indica que se decidiu optar por reducir dereitos e aplicar a man dura. Como se esta folla de ruta, ademais de deixar profundas feridas, non fose ineficaz a medio e longo prazo, porque non soluciona ningún dos problemas de fondo, e afonda nas contradicións. Todo amosa que estamos nunha conxuntura, nun debate e nunha confrontación estratéxica, na que Galiza debe estar presente a todos os niveis con forzas propias, ligadas ás clases populares, como o BNG. O futuro do País, a xustiza social, os dereitos democráticos, e a preservación da nosa identidade están en xogo.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS