Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| A extracción das navallas en Pontevedra faise manualmente unha por unha FOTO: Axencias |
Os recursos pesqueiros están ó límite. A sobreexplotación á que foron sometidos os océanos durante anos deixan a España, principal potencia pesqueira da UE e un dos grandes países consumidores de peixe no mundo -40 quilos anuais por habitante- nunha díficil situación: a imposibilidade de aumentar a produción non lle permite competir en prezo e volume con outros países. Darlle a volta a esta situación é a prioridade do sector de baixura galego, que aposta por unha nova vía para seguir sendo fortes no mercado: lograr maior calidade e valor engadido para os seus produtos a través dunha xestión sostible.
Tras anos de traballo, dúas cooperativas galegas dedicadas ó marisqueo -a Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arousa e o Plan de Explotación Conxunto da Navalla da Ría de Pontevedra- converteranse este ano nas primeiras pesquerías do sur de Europa en lograr a certificación MSC (Marine Stewardship Council), un selo de calidade que garantirá a escala internacional a xestión sostible das explotacións de ameixas, berberecho e navallas. "As pesqueiras non son explotables sine die. Mariñeiros e mariscadores sábenno e por iso tratan de garantir o seu futuro cunha xestión máis respectuosa co medio", explica Luis Santos, biólogo da cooperativa Ría de Arousa. De aí, a importancia de lograr esta ecoetiqueta, xa que ademais de mellorar a comercialización do produto, garantir a súa orixe e asegurar a sustentabilidade do recurso, recoñece o traballo ben feito.
Baseadas en procesos artesanais, ambas as dúas cooperativas contan cun biólogo que valora o estado dos stocks e do medio no que viven, impoñéndose vedas propias, tamaños mínimos e topes de capturas que se suman ás da Administración. "Estamos ante un proceso artesanal, onde as navallas se recollen unha por unha, polo que o impacto no medio é mínimo", indica Pedro Ferreiro, biólogo do Plan de Explotación Conxunto da Navalla da Ría de Pontevedra, que agrupa a medio cento de navalleiros das confrarías de Bueu, Portonovo, Sanxenxo, Raxó, Lourizán, Marín e Pontevedra. Os seus colegas de Arousa tampouco quedan curtos, aproveitando ata os momentos de paro. Así, cando a praia se enche de algas, as mariscadoras recóllennas á man, unha actividade remunerada coa que ademais de protexer os bibalvos contribúen a que a zona resulte atractiva para o turismo.
O bo facer de ambas as dúas cooperativas levounas a superar ampliamente a fase de preavaliación do selo MSC. Agora, co apoio da asociación ecoloxista WWF/Adena e a implicación da Xunta, están inmersas nunha auditoría externa -na que os maiores coñecedores mundiais destas pesqueiras analizan a información científica, o modelo de xestión e a lexislación vixente- e que concluirá coa obtención deste distintivo, prevista para finais de ano.
Iniciativas como esta ou as reservas mariñas como a de Lira converten a Galicia en punta de lanza a escala europea dun sector pesqueiro máis concienciado e que mira polo seu futuro. "O liderado dos mariñeiros galegos para mudar as prácticas pesqueiras está a servir de exemplo para todo o sector. As súas iniciativas son estudadas en Bruxelas e xa están empezando a ser copiadas noutras comunidades como Cataluña ou Andalucía", asegura o responsable de Pesca de WWF/Adena, Raúl García, quen constata a existencia de máis pesqueiras do país inmersas en procesos de certificación da súa xestión, seguindo a senda das confrarías pontevedresas.
A ecoetiqueta que mellor garante a pesca sostible
O selo MSC é, segundo un estudo realizado por WWF/Adena tras analizar sete das máis importantes ecotiquetas a escala internacional, o que dá maiores garantías de pesca sostible. Nado hai once anos -primeiro da man da organización conservacionista e a cadea de alimentación Unilever e dous anos máis tarde de forma independente tras constituírse como unha ONG-, o MSC distínguese dos demais selos de mercado por contar cun proceso totalmente aberto e transparente. Así, unha vez que o produto supera a fase de preavaliación, reálizase unha auditoría máis exhaustiva onde poden participar todos os actores: dende científicos a ecoloxistas e mesmo outros produtores. Superadas as emendas, a candidatura debe contar co visto e prace dos maiores expertos nesa pesqueira ou especie. "Noutros selos non hai acceso á información. Hai que limitarse a crer o que din, sen posibilidade de contrastalo", advirte o responsable de Pesca de WWF, Raúl García.
Para realizar esta análise, a asociación ecoloxista analizou un total de 105 criterios, entre os que se inclúen as directrices marcadas pola FAO para as ecotiquetas e outras esixencias ambientais e sociolaborais. Este último punto é unha das materias pendentes do MSC, xunto coa incorporación da pegada ecolóxica e os malos tratos ós animais.
A dificultade: o seu alto custo
Conseguir unha certificación de sustentabilidade dos produtos sae caro. Este é un dos principais problemas cos que se atopan as pequenas pesquerías, como as galegas, que pretenden conseguir o selo, xa que resulta difícil baixar custos se se pretende manter a calidade dos estándares de cumprimento e seguimento. A pesar das axudas do Banco Mundial, gobernos e ecoloxistas, WWF chama a buscar métodos máis baratos para que os produtores lideren por si sós unha correcta xestión e comercialización.
Os súper xa teñen alimentos avalados
Aínda que os mariscos galegos serán os primeiros produtos españois en levar este selo, xa existe a posibilidade de mercar algúns alimentos certificados como o abadexo de Alaska ou o bonito en aceite de oliva de Salica. Non obstante, WWF prevé para este ano un boom destes produtos, como demostra o esforzo das conserveiras por certificar a súa cadea de custodia ou das cadeas de distribución, como é o caso do Lidl, que xa teñen alimentos co MSC nos andeis. O elo máis lento da cadea: o consumidor.