Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Picasso, a derradeira visita a Barcelona

JOAQUIM VENTURA  | 03.01.2018 
A- A+

Seguindo coas exposicións que ata finais de xaneiro presenta o Museu Picasso de Barcelona, temos que poñer a nosa atención á dedicada a presenza do pintor en España durante seis meses de 1917, unha parte considerable deles en Barcelona. Unha visita que por diversas circunstancias –especialmente o enlace entre a guerra civil española e a ditadura franquista- foi a derradeira que fixo á súa terra natal. 

O mes de xuño de 1917 Pablo R. Picasso chegou a Barcelona acompañando os Ballets Rusos, de Sergei Diaguilev, e detrás dunha das súas bailarinas, Olga Khokhlova, a quen coñecera en Roma, a onde o pintor viaxara en abril para facer os decorados do espectáculo “Parade” (dous anos despois tamén fixo para eles os decorados e o vestiario de “O sombreiro de tres picos”, sobre música de Falla). A estancia do malagueño en España acomodouse ás actuacións da compañía rusa en Barcelona e en Madrid, onde tivo gran repercusión na prensa local.

A compañía rusa viaxou a Madrid para actuar no Teatro Real, onde representaron “Parade”, cuxo decorado fixera Picasso. Malia o escándalo que este espectáculo causara en París, foi representado por expresa petición de Afonso XIII. Na capital española Picasso recibiu, entre outras homenaxes, a de Ramón Gómez de la Serna na súa Cripta do Pombo. A compañía viaxou daquela a Barcelona para actuar no Teatro do Liceo e seguir xira por América do Sur. Pero Diaghilev, o coreógrafo Massine e Olga –con Picasso- permaneceron na capital catalá. De regreso a Barcelona, a compañía rusa ofreceu diversos concertos no Liceo, de novo con grande impacto na prensa local.

Barcelona era daquela refuxio de moitos artistas que fuxiran da guerra mundial, especialmente desde Francia. E con algúns coincidiron, entre eles Picabia (que editaba a revista “391”), Gleizes, os Delaunay ou Barradas.

Ante a imposibilidade de regresar a París xa que o visado era colectivo para a compañía e Olga non podía saír de España, a mediados do verán Picasso decidiu traballar, sen renunciar a facer turismo, vida familiar (a súa nai aínda vivía) e social e xuntarse con amigos da mocidade. Destas actividades cómpre salientar a asistencia a corridas de touros, das cales o pintor obtivo moitos debuxos nunha libreta. Daquela, os cabalos dos picadores non levaban aínda peto polo cal non era estraño que fosen feridos polos touros. E algúns daqueles apuntes pasaron despois a debuxos grandes, como o coñecido “Cabalo corneado”, trazado con lapis de grafito, a expresión do cal foi retomada vinte anos despois para o “Guernica”.

Outro cadro é “O paseo de Colón”, cunha bandeira española pendurada no edificio veciño ao Hotel Ranzini, onde estaban hospedados os membros dos Ballets Rusos. E tamén daqueles meses son os dous retratos con mantilla: o de Olga Khokhlova (conservado en París) e o dunha muller (a modelo Fatma), ambos dun realismo insólito en Picasso e o segundo con puntillismo fauvista (que xa ensaiara en “La italiana”, pintado en Roma aquel ano). Ou esoutro, cubista, da artista e cantante donostiarra, daquela de gran sona, Blanquita Suárez. E tamén un “Arlequín”, tamén realista, cuxo modelo foi Massine (a quen tamén debuxaría Robert Delaunay o ano seguinte, en estilo orfista ou cubista abstracto, visible agora en Barcelona). Uns cadros que tal vez –no ocaso do cubismo- procuraban unha beleza ideal de matriz clásica (que recuperaría uns anos despois cando homenaxeou a Ingres). Unhas obras que Picasso non levou con el a París e que quedaron coa súa familia barcelonesa, circunstancia que favoreceu que ingresasen no museo da rúa de Montcada en 1970.

Unha exposición, esta da estancia de Picasso en 1917 en Barcelona, que permite entender a súa evolución nun momento de vivencias persoais profundas (o amor por Olga, a súa primeira esposa e nai do seu fillo Paulo) e cunha desconexión dos ambientes de París. Un paréntese tal vez necesario para coller aire, repousar o feito ata entón e retomar as tarefas con ideas renovadas. E cen anos despois, unha experiencia perfectamente documentada polo espírito de formiga do pintor, que gardaba canto papel caía nas súas mans, desde as facturas do hotel aos folletos publicitarios, pasando polos billetes de tren. Todo iso está presente en Barcelona.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS