Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 00.16

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Santiagoteespera.com
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

A pintura de Alfredo Erias

DIANA VARELA PUÑAL  | 13.09.2011 
A- A+

De súpeto, entre a follaxe dun vieiro de Presedo, avanza un home de cabeleira gris e xesto reflexivo, cargando ó lombo un saco de leña e un coello. Na casa agarda a muller e os fillos, nimbados por unha atmosfera verde mariña, ás veces violácea, alustrada por algún agromo de luz. Hai un denso aroma a leña. A pequena dose de ilusión do cazador, do labrego que soña con pintar ceos, lousas, mortos. Amantes eternos coas mans serenamente dispostas no peito.

Así rezuman os personaxes que o artista nacido en Presedo, unha aldea de Abegondo, alenta a pinceladas. A temática, a técnica, o cromatismo, a particular disposición do espazo, o xesto, os obxectos, son inconfudibles. Alfredo Erias logrou o que só uns poucos logran, un estilo propio perfectamente identificable e único: con el retorna o verdor dos montes, a lama embriagada pola dozura das vacas preñadas, a Galicia medieval, invisible para moitos, presente na alma do pintor.

Director do Museo das Mariñas de Betanzos, dirixe asemade desde hai anos o xa clásico Anuario Brigantino, cuio último número se presenta este venres día dezaseis de setembro, ás oito da tarde, na Aula Municipal de Cultura do Edificio Liceo de Betanzos. A historia, a literatura, a arqueoloxía e como non, a pintura, teñen cabida neste volume editado de maneira exquisita, tanto a nivel estético como de fondo. Moitas das claves da pintura de Alfredo Erias aparecen espalladas nesta publicación, un exemplo de respeto polo estudo, a ciencia e o mundo da plástica.

Sendo Galicia unha terra privilexiada a nivel artístico, cun patrimonio cultural inxente, Alfredo Erias soubo aproveitar ese legado a nivel pictórico. A interpretación do artista devólvelle ós cabaleiros e ás donas galegas todo o explendor e a nobreza de seu, representados nunha especie de ensoñación daliniana moi acaída ó ensimismado e cordial pintor. Nel converxen como aparicións pacíficas e serenas, os ancestros que atravesaron os camiños sementándoos de arte.

Así recenden os cadros de Alfredo Erias, a historia viva perturbándonos en cada recuncho. O amor máis alá da morte das parellas repousando no seu último e pétreo leito, a sexualidade, a caza, a soidade maxestuosa de torres e castelos. Representacións habituais na abondosa e fértil arte medieval galega, descoñecida ou ignorada á mantenta, quen sabe.

Chega o home de cabeleira cincenta á casa, pousa o saco de leña e senta a carón do lume. Nese intre, ollando a chama que estoura en charamuscas, soa inconfundible a pintura de Alfredo Erias, como un bocado de terra.

Diana Varela Puñal

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS