Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Plaça de Sant Jaume: temos un problema

JOAQUIM VENTURA  | 04.07.2017 
A- A+

A fulminante destitución do conseller de Empresa, Jordi Baiget, deixa en evidencia que o camiño emprendido cara á celebración dun referendo a favor da independencia en Cataluña está a resultar moito máis complicado do que pensaban os seus impulsores. Un estado de cousas que mostra que por baixo da aparente unidade das forzas independentistas, hai moito mar de fondo.

Sen entrar nos antecedentes que conduciron á actual situación, hai un asunto que non sempre é tido en conta (e menos aínda polos políticos e xornalistas que exercen en ou desde Madrid): a pretendida renovación de CDC no PDeCat non foi en paralelo, malia a súa simultaneidade, coa asunción da presidencia da Generalitat por parte de Carles Puigdemont cando o pacto coa CUP –por salvar o proceso independentista- obrigou a sacrificar a Artur Mas.

Un sacrificio –xa o escribín neste recuncho- que respondía ás debilidades de CDC, causadas por dúas razóns fundamentais: a rebelión das clases medias catalás contra as políticas do PP –coa conseguinte aposta por ERC- e os casos de corrupción que afectaron ao propio partido (caso Palau especialmente) e ao seu fundador, Jordi Pujol, e á súa familia.

A vía independentista foi a fuxida cara adiante que emprendeu Mas ata que topou coa realidade parlamentaria e as esixencias da CUP. Caendo en picado nas enquisas, a transformación en PDeCat –non exenta de diversos esperpentos- foi liderada por Artur Mas e na empresa, marcharon os sectores liberais e centristas. Pero a opción Puigdemont chocaba coa lóxica perversa de todo partido de goberno: ocupaba a máxima representación institucional pero non dominaba o aparato; independentista de sempre, non confiaba nos conversos; orixinario de Xirona, non tiña ligazóns cos sectores selectos de Barcelona.

E aí foi onde chocou con Jordi Baiget, home de Mas desde hai anos e bo coñecedor dos mecanismos parlamentarios e de goberno. Pragmático no fondo e fiel ao presidente do PDCat (Mas) por riba de todo, caeu na trampa –nunca saberemos se tendida á mantenta- de Xevi Xirgo, do xornal xerundense El Punt Avui. Na entrevista publicada o pasado día 3, o xornalista propuxo ao conseller xogar ás oito diferenzas entre Mas e Puigdemont. Unha delas, en opinión de Baiget, era que Mas estaba máis polos detalles e actuaba dunha maneira máis profesional, mentres que Puigdemont resulta máis explosivo e que, no cotiá, deixa facer máis, para engadir que malia a empatía que amosa coa xente, no trato resulta distante.

E postos a falar das dificultades do referendo, Baiget non agochou a forza do Estado. E postos a encarar a celebración do referendo, dixo ser consciente que será imposible facelo, malia o cal e sen negar a súa disposición, non ocultaba o seu medo a que un proceso xudicial afectase o seu patrimonio persoal, coa conseguinte aldraxe para a súa familia.

Cando estas declaracións foron coñecidas –un día antes que se presentasen os puntos principais da lei que vai validar o referendo-, a CUP pediu a cabeza de Baiget. Por contra, a mediodía do día 3 a coordinadora xeral do PDeCat, Marta Pascal, daba pleno apoio ao conseller. Pero apenas catro horas despois e nun auténtico golpe palaciano, Puigdemont destituíao e nomeaba no seu lugar (aviso a navegantes) a Santi Vila, ata aquel día conseller de Cultura, contrario aos pactos coa CUP, non independentista pero amigo leal do actual president.

Queda claro, en consecuencia, que a causa da destitución non foron tanto as dúbidas sobre o referendo formuladas en voz alta –dúbidas das que son conscientes moitos membros do goberno catalán-, como a censura pola maneira de facer do president Puigdemont. Vistas as reaccións posteriores de certos seguidores de Mas, non é descartable unha implosión no PDeCat. Avisados quedamos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS