Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A planta viguesa de PSA avanza novas contratacións en 2020, cando espera producir 500.000 vehículos

Ignacio Bueno avoga por adaptar a produción á demanda do mercado e por "conter" os gastos para mellorar a "eficiencia" da fábrica

Ignacio Buno asina o libro de honra do Círculo de Empresarios - FOTO: EP
Ignacio Buno asina o libro de honra do Círculo de Empresarios - FOTO: EP

VIGO. EP  | 20.09.2019 
A- A+

O director da planta coa que conta o Grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo, Ignacio Bueno, avanzou a realización de novas contratacións, que se sumarán ás máis de 1.200 deste ano, e indicou que a fábrica espera alcanzar o seu máximo rendemento en 2020, cunha produción superior aos 500.000 vehículos.

Durante a súa intervención na tribuna 'As novas formas de mobilidade e a fábrica do futuro', celebrada este venres en Vigo, Ignacio Bueno tamén detallou que, mediante o aumento da produción, a planta prevé xerar un impacto de máis de 1.100 millóns de euros no sector da automoción, así como máis de 4.000 empregos.

Ademais, como principais retos, insistiu na mellora da "eficiencia" da fábrica e avogou por unha aposta pola innovación e a "contención de gastos", dos que, segundo apuntou, o persoal representa o 50 por cento. Así, insistiu en que resulta adecuado reducir os custos derivados da produción para mellorar a competitividade da empresa, que, segundo apuntou, aspira a mellorar os resultados das distintas plantas coas que conta o grupo na península ibérica. Adicionalmente, advertiu da competencia que representan países como Marrocos debido ao baixo prezo dos seus produtos.

Nese senso, o director da fábrica viguesa fixo fincapé na importancia potenciar a "flexibilidade" da empresa co obxectivo de adaptarse ás demandas do mercado. Tamén resaltou a necesidade de que os provedores traballen nesa mesma liña.

De cara ao futuro, avanzou o incremento da demanda de traballadores con capacidade para xestionar zonas automatizadas e avogou por converter os espazos de traballo en lugares máis atractivos.

"INCERTEZA"
Mentres, lamentou a "incerteza" xerada en relación ás sancións estipuladas no marco da Corporate Average Fuel Economy (CAFÉ), que, segundo asegurou, pode afectar á demanda de vehículos por parte de particulares e, en consecuencia, ao emprego. Ademais, apuntou que a planta de PSA cumprirá coa normativa de emisións de CO2 para evitar estes custos adicionais, así como debido ao seu compromiso ambiental.

Ante esta situación, lembrou que o grupo automobilístico levará a cabo unha estratexia de electrificación e hibridación até 2025 e reivindicou a necesidade de incrementar as vendas de vehículos eléctricos para compensar os niveis de emisión dos térmicos. No entanto, resaltou que estes só suporán o 9 por cento da produción total.

"INESTABILIDADE POLÍTICA"
Ademais, lamentou que, á inseguridade xerada polas novas normativas de emisións, se engada á derivada da "inestabilidade política" --en alusión á repetición das eleccións xerais, que terá lugar en novembro--.

A ese respecto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, fixo un chamamento ao "entendemento" entre as distintas forzas políticas, que, na súa opinión, resulta necesario para garantir o desenvolvemento da industria.

Sobre ese punto, Conde apuntou á sustentabilidade como un dos principais retos do sector e puxo en valor o traballo realizado pola planta viguesa de PSA de cara a unha transición enerxética. Ademais, avogou por continuar un modelo de acción, que segundo apuntou, garante "solucións innovadoras e sustentables".

Ademais, apostou por que a Xunta e a fábrica continúen traballando en conxunto nese senso, unha proposta que Ignacio Bueno secundou.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS