Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

En plena guerra, ignorando o fundamental

MANUEL MERA  | 03.09.2018 
A- A+

As novas sancións tomadas contra Rusia, e as que se anuncian para dentro de tres meses se esta potencia non se dobrega ante Washington, non se poden considerar exclusivamente como parte do conflito comercial existente entre os Estados Unidos e outros países. Neste caso a escusa non é económica, senón polo asunto Skripal, algo que carece de toda lóxica xa que o Reino Unido non presentou ningunha proba que inculpase a Moscova, e pasaron meses destes acontecementos. Todo semella unha montaxe máis, coma a dos ataques químicos en Siria, que se utilizaron como falso argumento para bloqueala, invadir o norte e leste, e manter a axuda os grupos armados rebeldes (controlados polo islamismo radical). Neste aspecto Rusia denuncia que se está a preparar un novo atentado químico por parte da fronte Al Nusra, que se lle pretende adxudicar ao Governo sirio, co obxectivo de realizar un ataque represivo por parte de Estados Unidos, Reino Unido e Francia.

Deixemos a un lado as montaxes militares, de intelixencia e propagandísticas, que teñen unha longa historia por parte de Washington, para nos centrar na cuestión de fondo, a pretensión de Estados Unidos, co seguidismo doutras potencias aliadas, de se manter como o imperialismo dominante. Querendo así recrear o unilateralismo de finais do século pasado, por mor da caída da Unión Soviética. Unha hipótese que ignora que o imperialismo unipolar sempre foi excepcional na historia da humanidade, co engadido de que o sistema capitalista atopase na súa fase senil. Ademais, a política de ordeno e mando, no caso concreto de Rusia ou China, non se pode facer efectiva por medios militares, dado o carácter nuclear destas potencias emerxentes. Asemade, malia as guerras localizadas, invasións, sancións e bloqueos do imperialismo, o poder económico de China non deixa de medrar, avanza tecnoloxicamente e seu exército faise máis poderoso. Ao que se lle suma que Rusia convértese nun rival formidábel no eido militar convencional (vexase Siria) e as sancións na súa contra non están a dar os resultados previstos por Washington (xa co PIB crece).

Para frear esta tendencia, inasumibel para os intereses das corporacións e da gran burguesía norteamericana, é que Trump optou pola folla de ruta da ameaza e a confrontación, e impón disciplina aos seus aliados. Xa que cun sistema baseado na opresión e explotación non hai marxe para negociar e recuperar a porcentaxe da torta mundial das décadas de ouro dos Estados Unidos, por máis que sexa un obxectivo ineludíbel no imaxinario das clases dirixentes, e non só delas. E, de continuar a evolución da correlación de forzas, semella unha utopía que mesmo poda manter a porcentaxe que hoxe ten na riqueza mundial.

Agora ben, non se pode obviar que esta potencia imperialista conta co dólar como moeda de reserva hexemónica e na transacción internacional, e cun papel predominante na Bolsa; que controla as redes de información, e a cultura de masas. Porén, tampouco se pode ignorar, que hai décadas que estas fortalezas están sustentadas, máis que na produción de bens, no poder militar e nunhas regras de xogo internacionais feitas á súa medida. Daquela que, tanto Obama como agora Trump utilicen as áreas nas que seguen a ser hexemónicos para re-axustar no seu beneficio as regras de xogo internacionais, recuperar produción de bens e/ou debilitar ás potencias “adversarias” e países que rexeitan ter un carácter subalterno. Ou buscan incursionar noutras áreas, nas que coidan teñen vantaxes comparativas, como a militarización do espazo. Pretenden impoñer con estes métodos agresivos, e perigosos para a humanidade, a aceptación dun rol determinante e incontestábel permanente. No esencial unha ditadura, revestida de democracia formal.

Ficamos polo tanto nun contexto complexo, sen saídas claras, no que a iniciativa está do lado das clases dominantes, do imperialismo. E isto non é unha cuestión menor, xa que axe como unha lousa sobre as clases populares, por máis fartas que estean da explotación e da opresión. Porén, sobre todo, notase a falta ou debilidade do suxeito político, coherente, transformador, con obxectivos a longo e medio prazo, con folla de ruta, métodos de traballo, práctica e discurso que consiga a complicidade das maiorías sociais. Ademais, esta conxuntura complexa para o capitalismo forzouno a engadir algunhas reivindicacións xustas, como o combate contra a discriminación por xénero, e o recoñecemento das minorías por razón de sexo, raza ou orixe. Marcando unha folla de ruta feita á súa medida, que foi aceptada polos partidos alternativos acriticamente, deixando nun segundo plano temas centrais e urxentes, como a cuestión nacional e de clase, a loita pola paz e a defensa dos ecosistemas. Abrindo unha fenda entre o conflito popular cotiá e a oposición política, no ámbito do discurso, obxectivos e participación, que non deixa de medrar en todo o mundo. En plena guerra de clases, de opresión nacional, a esquerda volveuse keynesiana, valedora da meritocracia, ignorando o fundamental ou prestándolle unha atención circunstancial.

Dado que existe unha interdependencia entre o social e o político, a resposta sobre estes aspectos relevantes para as clases populares foi a menos, e a mobilización fíxose mais espontánea e fragmentada, e a iniciativa colocouse do lado das clases dominantes. As consecuencias son o aumento da opresión e explotación, o retroceso democrático e da soberanía. E sendo certo que o capitalismo conta con poderosos medios para incidir sobre a formación da conciencia e o estado de animo das clases populares, sumado ao golpe que significou a caída da Unión Soviética, non se poden obviar neste recuar os erros e desviacións das forzas rupturistas, antisistémicas. O exemplo máis evidente é que diante dun ataque tan feroz do capital contra a clase traballadora e as soberanías nacionais, e as intervencións en Siria e Iemen, o bloqueo en Venezuela, a resposta da esquerda é limitada, anecdótica.

Calquera resposta positiva para a clase traballadora e outras camadas populares nesta conxuntura, que procure unha solución duradeira, terá que pasar cando menos pola nacionalización dos sectores estratéxicos, que permita crear un blindaxe contra a globalización. Non se pode avanzar en democracia, e en participación, sen soberanía nacional e popular, sen un control da economía, sen un reparto máis xusto da riqueza e do traballo. Hai que gañar ás maiorías sociais para un proxecto de cambio no que se recoñezan os dereitos nacionais, no que exista un intercambio entre nacións xusto, no que se transfira solidariamente a tecnoloxía, no que se protexa o medio ambiente, no que se reduza a xornada laboral e haxa salarios dignos, no que se garantan os servizos e prestacións básicas, no que se potencie a economía autocentrada, sustentábel e social. Existen recursos económicos e humanos e tecnoloxía para facelo, falta unha mudanza na correlación de forzas e vontade política.

Mais, como xa se dixo, nesta época histórica todo indica que se carece da forza política necesaria na maioría dos países do mundo, xa que non se conta co suxeito partidario apropiado capaz de recoller o descontente e as reivindicacións das clases populares. O suxeito político que divulgue unha mensaxe transformadora, que una o presente co futuro, que conte coas maiorías sociais como protagonistas. En fin, se cadra a única opción no inmediato sexa esperar que se impoña un mundo multipolar como resultado da loita pola hexemonía dentro das clases dominantes a nivel internacional. Claro que este mundo sería: capitalista, globalizado e neoliberal, desigual. Coa única vantaxe, non depreciábel, de que a imposición sería substituída por regras de xogo entre as potencias. Regras que se terían que respectar (normalmente), o que daría máis capacidade de xogo e presión ás clases e nacións subalternas. Que se vaia máis alá depende de todos nós.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS