Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Podemos Vigo ofrece "man tendida" para formar unha coalición nas municipais

Eloxia o labor de Marea e Rubén Pérez, pero apunta que "lle faltan concelleiros"

Podemos Vigo busca alianzas para unha coalición  - FOTO: EP
Podemos Vigo busca alianzas para unha coalición - FOTO: EP

VIGO. EP  | 14.09.2018 
A- A+

Podemos Vigo ofreceu este venres a súa "man tendida" a formacións políticas "irmás" para construír unha coalición coa que concorrer ás próximas eleccións municipais de 2019.

Así o afirmou o portavoz do partido morado na cidade, Juan Merlo, quen recoñeceu que Podemos mantén "contactos informais" con outras formacións para buscar "alianzas", e lembrou que os inscritos se pronunciaron hai 5 meses sobre a fórmula para concorrer ás municipais e, de forma maioritaria, apostaron pola coalición electoral.

"Temos man tendida a outras forzas irmás, pero Podemos Vigo vai adiante, con coalición ou sen ela", sinalou o que foi secretario de Organización de Podemos Galicia, quen indicou que un posible acordo con outras formacións tería que quedar pechado antes de final de ano, posto que as primarias para elixir candidaturas ás municipais en Podemos celebraranse entre o 1 e o 20 de xaneiro.

En todo caso, matizou que "a fórmula política non pode ser un impedimento, porque isto non é un proxecto persoal", e recoñeceu que a decisión tomada por Podemos nas eleccións locais de 2015 (de non sumarse ao proxecto da Marea de Vigo) acabou por beneficiar ao PSOE.

A ese respecto, proclamou que o portavoz municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, "fai un marabilloso labor", pero que lle "faltan concelleiros". Por iso, hai que "buscar unha coalición que permita ter máis concelleiras que tres".

Finalmente, e con respecto a se a marca Podemos será visible na candidatura ou nas papeletas, Juan Merlo apuntou que haberá un acordo marco a nivel nacional para esa cuestión, e que, en Galicia, "aínda non está decidido". "Pero a marca para nós non é importante", apostilou.

GRUPO DE TRABALLO
Podemos Vigo presentou este venres na cidade olívica o seu grupo de traballo para a elaboración do proxecto político co que concorrerá ás municipais.

Así, o portavoz deste grupo, Pablo Orge, proclamou que a formación morada presentarase ás municipais "cun proxecto de cidade a longo prazo", que pretende ser "un punto de inflexión" para "cambiar" Vigo.

Na mesma liña, Pilar Pascual, subliñou que traballarán con "propostas realistas", consultadas con asociacións e colectivos de Vigo; e Eduardo Ortiz, recalcou a necesidade de dar á cidade "a administración municipal que se merece", con políticas que lle devolvan o seu carácter "acolledor e cosmopolita", "libre de violencias machistas", "integradora", "referente cultural", e "con calidade de vida para todos".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS