Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Poemas á nai (de Xesús López Fernández)

POR M. DE BRAN  | 07.05.2018 
A- A+

O día 2 deste mes de maio foi o cabodano polo cura galeguista e investigador Xesús López Fernández, na igrexa parroquial de Santiago de Novefontes, do concello coruñés de Touro, na que naceu o 14 de outubro de 1935, autor da extensa obra Poemas á nai, de mil páxinas, froito de máis de catorce anos de laboriosas investigacións. Obra de gran valor para a cultura galega, por constituír un verdadeiro monumento literario á nai, na que se recollen os valores espirituais e afectos sobre a mesma compartidos polo noso pobo.

Xesús foi un gran amigo meu. Estivemos de compañeiros varios anos como profesores no instituto de bacharelato Antonio Fraguas de Santiago, no que nos coñecemos. El exercía neste instituto como profesor agregado de lingua castelá, e eu de catedrático de física e química. Antes, el ensinara no seminario menor de Santiago (sendo párroco de Callobre, na Estrada), no instituto de bacharelato de Cambados e no da Xunqueira de Pontevedra. Cidade na que, na infatigable loita del pola defensa da nosa lingua, impartiulles varios cursiños de galego ós funcionarios de Facenda e da Xustiza. E uns anos despois, foi dar cursiños de galego a Suíza.

Do instituto Antonio Fraguas, pasou a traballar varios anos na Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. E posteriormente, traballou como lingüista no centro de investigacións galegas Ramón Piñeiro, ata xubilarse. E desde que nos coñecemos, mantivemos unha longa amizade.

Esta gran obra, como explica moi ben o autor no prólogo por ser un gran pedagogo, consta de 412 textos poéticos (207 en galego e 205 en castelán) de 190 poetas de Galicia identificados, varios deles residentes no estranxeiro ou no resto de España. E de 90 cantares ou coplas do noso pobo, nos que quen fala neles é, case sempre, un fillo ou unha filla.

Dos ditos 412 textos poéticos, 277 son elexíacos (139 en galego e 138 en castelán), que cantan a nai morta, cantidade que indica o gran significado da morte da nai para os poetas galegos. E 114 poemas (54 en galego e 60 en castelán) cantan a nai viva. Os 21 poemas restantes (14 en galego e 7 en castelán), dos ditos 412, cantan a nai en xeral, pero nalgúns casos pensando na propia sen nomeala. E están recollidos no apéndice II da obra.

Os autores dos 412 poemas desta gran colección, na que tamén se inclúen os ditos 90 cantares populares galegos, son 190 poetas de Galicia con firma (153 homes e 37 mulleres), dos que se dan as biografías, algunhas difíciles de conseguir polo autor.

Ademais, o autor encontrou 36 poemas á nai de autores sen identificar: 16 en galego (7 elexíacos e 9 á nai viva) e 20 en castelán (6 elexíacos e 14 á nai viva). Figuran no apéndice I da obra. Pero na súa longa e minuciosa investigación, o autor non atopou ningún poema á nai anterior ó Renacemento.

Durante a confección desta obra acompañei a Xesús moitas veces a bibliotecas, museos, fundacións culturais, a reitorais das parroquias pescudar nos libros delas datos biográficos de autores que figuran na obra, cemiterios para confirmar ou conseguir datos biográficos dos autores falecidos consignados nas súas lápidas, entrevistas a escritores, etc. Paseille a obra ó meu ordenador, axudeille a corrixir as probas de imprenta, etc. E quizais por agradecemento por esta miña axuda física, deixoume no testamento herdeiro dos dereitos desta obra por días de vida, para reeditala, difundila, etc.

Segundo o testamento, ó faltar eu, este legado pasaría á Igrexa, porque ela ía sobrevivirme. Pero, como eu son un químico pouco experto en letras para facer un resumo desta extensa obra para divulgala sen a estragar, decidín poñela en mellores mans. E renunciei a dito legado ante notario, en escritura pública, para que a Igrexa se faga cargo dela, por ter persoas máis preparadas en letras ca min para dito mester. E porque tamén pode ser unha obra de gran interese para a Igrexa, por gozar a nai na relixión católica dun recoñecemento semellante ó do pobo.

Por estar a obra pouco difundida, porque existen moi poucos exemplares dela, todos editados polo autor, posiblemente a maioría dos nosos lectores non coñezan nada do contido dela. Para amosarlle un par destes contidos, abrina ó azar pola parte da poesía elexíaca en galego. E na páxina 458, pola que abriu, aparece o seguinte poema elexíaco intitulado SOEDADES, que canta a nai morta desta fermosa maneira: “Airiños da miña terra, / faliñas da miña nai, / que vos non sinto nin oio, / ¡vállame Deus, canto hai!.../ Airiños da miña terra, / faliñas da miña nai. / que os bique e os agarime / coma a nai que tiven eu. ¡Que felices son aqueles / que ten naiciña de seu!”. Domingo Álvarez Vida Gallega (Vigo), XVI, núm. 249, 5 de maio de 1924.

E despois abrina do mesmo modo pola parte de poesía popular galega. E na páxina 437 pola que abriu, aparece o seguinte cantar galego popular xunto con outros seis: “Miña nai ela choraba / cando polo mundo saía; / non chores, ña mai, non chores / que este fillo non te olvida”. Encóntrase en Isaac RIELO, Cancioneiro da Terra Chá, núm.713.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS