Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Pola autodeterminación do pobo español

JOAQUIM VENTURA  | 23.11.2018 
A- A+

Cando resulta que o principal argumento de campaña nas eleccións andaluzas é... Cataluña, sinal de que imos mal. Estamos nunha situación que o radiofonista Jordi Basté definiu como a da nora do hámster: cada quen co seu argumentario. E volta tras volta, do mesmo xeito que di aquel refrán catalá que en cada coada perdemos unha saba, a cada xiro desa nora metafórica pérdese unha idea, un anaco de siso, e so quedan as consignas.

Unha discusión eterna –incluso por parte de aqueles que queren argumentar de xeito racional, con ideas e nivel intelectual- que non se afasta de cadansúas metafísicas. Quen é nación? España e/ou tamén Cataluña? Galiza? País Vasco, con ou sen Navarra? Andalucía?

¿É Aragón unha nacionalidade histórica como veñen de aprobar PSOE, Podemos, IU, PAR e a Chunta? Declaración de medio común denominador xa que para a Chunta e Podemos o pobo aragonés ten dereito á soberanía. E, por extensión, canto de clonación houbo naquel “café para todos”? Porque se igualiños si (art. 14 CE) pero a vaquiña polo que vale, non lembro manifestacións que reivindicasen a autonomía para Madrid-provincia.

Pero revisemos o asunto desde outra perspectiva. Aceptemos por un intre como válida e democrática (malia a metafísica) a declaración pola cal a soberanía nacional reside no pobo español (art. 1.2 CE). Pero, desde cando podemos falar de soberanía nacional española e desde cando é ese pobo español o seu depositario? Apenas desde 1978 ou de moito antes?

Porque resulta que moitos dos que, como un mantra, defenden a constitución de 1978 falan dela como se se tratase dun empoderamento (que agora se di) do conxunto da cidadanía. Defenden (aínda que a vulneren decote) a constitución de 1978 como se fose a única posible na dobre dimensión infinita de tempo e espazo siderais. Acaso non cabería outra constitución? Unha constitución que xa non tivese que ser un equilibrio entre as forzas saíntes da ditadura –convertidas ou non á democracia- e a maioría cidadá que apostara pola liberdade?

O auténtico empoderamento prodúcese cunha catarse nacional, que é a que conduce á colectividade a tomar seu o destino e a autodefinirse en forma de constitución libremente votada. Era así a situación de 1978 en España? Eu diría que non, co exército, as forzas de seguridade e a xudicatura cheos de persoas que non agochaban a súa fidelidade ao réxime anterior ou que actuaban como se así fose. A única catarse colectiva vivida en España foi a de abril de 1931, cando foi proclamada a Segunda República.

Alerta: non nego o valor do pacto constitucional saído do primeiro parlamento libremente elixido (máis ou menos: aínda había forzas políticas sen legalizar). O que digo é que, corenta anos despois, as mostras de autosatisfacción non poden esconder que a revisión daquel pacto faise evidente. Xa non hai forzas no outro lado coas que equilibrarmos os demócratas: suponse que xa somos todos demócratas e que fóra da democracia non hai alternativa posible.

Pois pola mesma regra de tres, o conxunto da cidadanía deste Estado chamado España (non Reino de España) tería que exercer, desde a plena liberade, o seu dereito á autodeterminación de cara a situar un novo pacto constitucional válido para as décadas vindeiras. Evidentemente, un pacto cuxa perspectiva non fose inferior á situación vixente en materia territorial nin en asuntos sociais. E neste senso, imponse a revisión das provincias como entidades locais con personalidade xurídica propia, unha vez que están vixentes as comunidades autónomas. ¿Por que algunhas provincias se converteron en comunidades autónomas –asumindo as deputacións- e desapareceron e as outras comunidades non poden seren reducidas a unha provincia?

É preciso que o pobo español, é dicir o conxunto da cidadanía formada polos diversos pobos que convivimos en España, exerza a súa libre autodeterminación: sen condicións verbo da forma do réxime constitucional, da organización territorial e sen condicións herdadas do pasado. Foron moitos os séculos durante os cales as institucións públicas –comezando pola coroa- negaron as liberdades civís, sociais e democráticas ao conxunto dos españois e, especificamente, as peculiaridades lingüísticas e históricas aos diversos pobos aos que pertencen. Autodeterminación activa expresada en mandato dunhas Cortes con vontade constituínte.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS