Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 00.16
O sol póusase nas nubes coma quen logo dun día longo e cansado déixase caer na cama e arroupar para pechar os ollos. No horizonte só vexo ese algodón de nubes e a liña do solpor cada vez máis intensa, pasando do amarelo ao laranxa e logo case vermello. Nuns cantos quilómetros xa será de noite e non se verá nada ate o momento de aterrar alí onde te leva este paxaro metálico. Lévate a outra realidade, ou pode que á mesma, á sociedade do futuro cuns valores un tanto diferentes aos que da túa cultura. O paxaro metálico é o novo Delorean das viaxes futuristas que vías sendo neno.
Transportados no becho escóitanse diferentes linguas , mais ti non escoitas a túa. E logo caes na conta de que logo dun mes na terriña apenas falaches galego; de maneira inconsciente o interruptor de linguas do teu cerebro activouse para o castelán e agora sentes un peso e unha mágoa por dentro que non sabes coma describir. Coma se te tiveses traizoado! Que difícil está a ser manter a identidade dun neste experimento social de estar aquí e logo alí e no fondo en ningures!
O ceo está case de azul-negro e só unha liña laranxa-vermella de luz. Quentiño, pensas, dúas horas máis a pensar no que deixaches e no que agora tes que facer, ou mais ben no que queres facer…. Agora xa non hai lista de chatas que valga, que xa un está nas alturas e non te podes baixar. E con optimismo abres a axenda e fas a lista das tarefas pendentes da semana. Apúntaste o xoves coma día para arranxar o do voto por correo que o tempo apreme. Non vaia a ser que a túa desconformidade en cómo van as cousas non poda ser tida en conta, inda que esteas a tres países de distancia. Se os 400.000 que estamos fóra lle désemos a volta á tortilla!... aix, non podes evitar que saia un laio sen querer, desa parte do inconsciente negativa que non podes controlar. Xa sabes de vari@s que non van votar porque agora están a adaptarse e sobrevivir e non lles quedan folgos para loitar, ademais de coa morriña do comezo, cos lastres da burocracia electoral.
Pensas que xa o tes todo apuntado. Mellor que non queden demasiados ocos baleiros que así non hai tempo para pensar. Dáslle unhas follas para atrás e poste no mes do verán. Todo en branco mais estivo cheíño de momentos que non se poden anotar co bolígrafo. Sonche para escribir con outro tipo de tinta. Diste que ao chegar, á mañá, tirarás da axenda, a ver se podes con esa tinta diferente escribir un café en compaña de alguén. Pensando iso dáslle ás follas para diante e sen darte conta a rapaza que está sentada ao teu carón obsérvate estrañada coma dis en alto o número de días que che quedan ata que podas montar no seguinte paxaro metálico, máis no sentido de volta.
Xa é noite. Ves a túa faciana reflectida no vidro da fiestra e sénteste neno e vello ao mesmo tempo. Pasado o estres volves coas pilas cargadas para afrontar de novo o contraste cultural e emocional. Sénteste forte. Será a forza do salitre ou das mareas, pensas, mais no interior sabes que tes aniñando unha patoloxía de dubidosa cura. Algo haberá que facer, pensas. Trazarei un plan, diste, e nese plan teu pensas que unha das chaves poida que sexa o que aconteza co papeliño que has enviar á comisión electoral. As veces as cousas poden mudar, diste, mais es consciente que hai outras que non. Metido no paxaro metálico confirmas que a morriña non se che vai coas vacacións.
