Hemeroteca web
|
RSS
Venres 24.05.2013
| Actualizado 09.08
A Policía Autonómica detivo e imputou no que vai de ano a máis de 90 persoas por incendios forestais rexistrados en Galicia, o que supón o dobre que nos seis primeiros meses de 2011, cando houbo 47 arrestados, e máis que en todo o exercicio pasado, que se pechou con 83.
Así o destacou, nunha entrevista a Europa Press, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, quen indicou que 17 foron intencionados e 78 por neglixencia e fixo fincapé en que estes datos se deben a que a loita contra os incendios forestais e os incendiarios "é unha das prioridades" da Policía Autonómica, xunto ao furtivismo. "É algo que tratamos de evitar", resaltou.
A este respecto, Villanueva resaltou o incremento na época estival dos efectivos do equipo da Policía Autonómica destinados a prevención e investigación de incendios, cun total de 206 dos 350 que a conforman.
Neste sentido, subliñou o reforzo "de forma notable" dos efectivos para a loita contra os incendios, para o que se cambian "destinos e vacacións para ter máis persoal en verán". "Este ano imos contar con 206 efectivos dos 350 que temos, fronte aos 204 do ano pasado", manifestou.
Ademais, engadiu que en caso de ondas de incendios tamén se reforzan os operativos "con outros grupos polivalentes", como a ERPOL, que realiza funcións principais nesta materia e en furtivismo. Deste modo, comentou que os meses de verán, "se minoran outras actividades" para destinar os efectivos "especificamente" á loita contra os incendios forestais.
INCENDIO DAS FRAGAS
Preguntado sobre a actuación do servizo de Emerxencias 112-Galicia en relación ao incendio que afectou ás Fragas do Eume, despois de que se ordenase investigar se errou na alerta do lume, o director xeral de Emerxencias valorou o traballo realizado e considerou que "non" fallou.
Nesta liña, aclarou que na central pode haber "sobre unha incidencia multitude de chamadas" e, en concreto, sobre a orixe do lume o 31 de marzo comentou que entre "as 11.48 horas e as 15.00 horas" non volveu haber ningún tipo de chamada ou comunicación de que había un incendio nas Fragas do Eume".
Deste modo, sinalou que cando se recibiu pola mañá unha chamada ao respecto, se lle pasou aviso á Consellería de Medio Rural. "Nós recibimos a chamada, identificamos a zona onde estaba, e mandáronse a facer comprobacións", recordou, para puntualizar que nese momento "non se detectou incendio forestal".
"A partir das 15.15 horas si houbo máis de 20 e pico chamadas acerca de que había", resaltou. "Cando se volveu recibir chamadas de que había un incendio, multiplicáronse chamadas e os medios de intervención". "É o protocolo que funciona e entendemos que foi baseándose nos datos que se dispoñía como había que mobilizar neste caso", apostilou.
BALANCE
O director xeral de Emerxencias e Interior fixo fincapé no traballo que realiza o 112-Galicia porque "funciona dunha forma eficiente" e "os traballadores o están a facer de modo eficaz". Neste sentido, apuntou que nos seis primeiros meses do ano se rexistraron unhas 669.000 chamadas, que supuxeron a mobilización de 170.000 recursos e deron lugar a 90.000 intervencións.
Sobre estas cifras, Santiago Villanueva indicou que "son parecidas" ás do ano pasado, aínda que "a vai unha lixeira baixada de chamadas" que, segundo concretou, "non responde a que haxa menos incidencias, senón que reflicte unha mellor utilización do número de emerxencias por parte da xente". Segundo estimou, prevese pechar o ano con entre "1.300.000 e 1.400.000 chamadas", que é o dato medio dos últimos exercicios.
Preguntado sobre o tipo de chamada máis habitual, sinalou que á cabeza se sitúan as emerxencias sanitarias, cunhas 26.000; seguidas das relacionadas coa seguridade, ameazas, violencia de xénero e outras, con "máis de 15.000"; os operativos nos que participan bombeiros e Protección Civil, entre outros, unhas 12.000; e os accidentes --tanto na rede viaria, como ferroviarios e outros--, abranguen unhas 9.000; ás que se suman outras en relación a incendios forestais, atención ao menor e demais incidencias.
Entre outras iniciativas nas que colabora o 112, Villanueva sinalou que "está en fase de poder licitar" a adquisición de material común para o proxecto no que Galicia colabora cos servizos de emerxencias de zonas limítrofes como son Castilla-León e Norte de Portugal, que posibilitará que os tres dispoñan de datos en tempo real e dos medios dispoñibles na área común fronte a incidencias.
Tamén confía en que antes de final de ano funcione o sistema polo que as persoas sordomudas poidan acceder ao 112 para ser atendidas ou comunicar unha emerxencia, unha vez que a Unión Europea aprobe qué proxecto dos probados en varios países se implantará en Europa.
AMPLIACIÓN DE EQUIPO
Así mesmo, o responsable de Emerxencias e Interior asegurou a Europa Press que a principios de 2013 espera ter completa o equipo de 500 efectivos da Policía Autonómica, unha vez que conclúan os procesos selectivos abertos.
Por unha parte, comentou que para as 80 prazas que están a punto de adxudicarse concorreron máis de 1.400 persoas, das cales quedaron "700 e pico" para a avaliación final. "Agora estanse a avaliar os resultados, sumando méritos, para que cando rematen se incorporen de xeito inmediato", sinalou, para engadir que "previsiblemente" durante o verán.
Ademais, engadiu que se "volverá convocar outro proceso selectivo" para completar o equipo, que se estima culminar malia a "situación moi delicada" da economía, despois de que o Ministerio garantise á Xunta que non ían afectar os recortes. "Falouse con Interior e confírmannos que se vai completar ese equipo", sentenciou.
Con todo, o director xeral de Emerxencias e Interior asegurou que en Galicia non minguaron os efectivos nin se fixeron axustes en materia de emerxencias. "Non houbo redución de persoal, nin de horas. Apostamos dun modo claro por potenciar as emerxencias, como demostran os feitos dos últimos anos," manifestou en relación á potenciación do 112. "Cando chegamos tiña instalacións e medios moi precarios e reforzáronse as instalacións aumentando a capacidade telefónica e os espazos", recordou.
"Apostamos de modo decidido polas emerxencias a pesar da situación económica", ha aseverado, para matizar que a pesar de que non tiñan efectivos abondos na Policía Autonómica, "mediante un esforzo económico por parte da Xunta" se reforzaron "os servizos para que non se vise minguada a capacidade de actuación". "Apostouse por reforzar o persoal para obter máis resultados e, en ningún caso, se minoró a atención ás emerxencias", dixo. "Potenciouse porque entendemos que é de xustiza, é para todos os cidadáns, e non se pode recortar neses temas", concluíu.
