Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Política Lingüística insiste: o decreto do idioma cumpre "a súa función" e a "materia pendente" é potenciar o seu uso

García defende a boa saúde do galego e apela a crear espazos de uso en todos os ámbitos sociais

SANTIAGO. EP  | 09.01.2020 
A- A+

A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantense firme ante o último toque de atención do Consello de Europa sobre o galego no ensino. O departamento autonómico defendeu que tanto o sistema educativo, como o decreto do plurilingüismo, cumpren "a súa función" e que o problema da lingua propia non afecta a unha cuestión de coñecemento, senón que a "materia pendente" é incentivar o uso entre a poboación.

O informe realizado polo comité de expertos sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias advertiu de que a situación do galego "non mellorou significativamente", posto que as análises sociolingüísticos e os datos estatísticos advirten tanto da caída de falantes como que a transmisión xeracional "xa non está garantida", do mesmo xeito que cae "significativamente" a proporción de mozas que usan o idioma na súa vida diaria.

O documento alertou, especificamente, de que a presenza do galego no sistema educativo é "insuficiente", e "particularmente no nivel de preescolar", e recomendou á Xunta que se eliminen de inmediato as "limitacións" existentes para impartir docencia neste idioma.

Pola súa parte, o titular de Política Lingüística, Valentín García, non coincidiu co diagnóstico do Comité de Expertos, que "non se axusta exactamente á realidade", e matizou que os datos estatísticos reflicten, precisamente, que o galego se atopa "no nivel de competencia máis elevado" da historia de Galicia.

"O sistema educativo está a facer a súa función" (do mesmo xeito que o decreto do idioma), sinalou en declaracións aos medios, aínda que si recoñeceu que a cuestión do uso segue sendo a "materia pendente" que é necesario abordar desde as administracións públicas.

A pesar diso e de que asume que existen cifras "preocupantes", García defendeu que o galego "segue sendo a única lingua cooficial" que conta con maior uso de todas as do Estado, coa excepción do castelán, e que en Galicia "é maioritaria" (o 51,8% declara usar só galego ou máis que o castelán).

DE "TODA A SOCIEDADE"
O responsable autonómico argumentou, neste sentido, que o 90 por cento dos mozos, no tramo de idade de 15 e 26 anos, "saben falar, entender e usar moito ou bastante o galego", polo que a acción de dinamización lingüística debe ir encamiñada a crear espazos "nos que eles vexan útil falalo".

"A materia pendente é que o usen e o falen entre eles", reiterou, para insistir en que o sistema educativo é o que proporciona "competencia e actitude" e non "o uso", que é responsabilidade "da sociedade no seu conxunto".

A acción do Goberno galego estará dirixida, entón, a apelar á sociedade e a proporcionar e incentivar a creación deses "espazos de uso", necesarios tanto na sanidade e na xustiza, como no deporte e no tempo de lecer.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS