Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

logo da manifestación do domingo

Política Lingüística pide unidade sobre a lingua e prepara medidas para impulsar o galego no ámbito social

Comparte a necesidade de incentivar o uso do galego "na xuventude" e chama á "coherencia" durante "tódolos días do ano"

SANTIAGO. EP  | 09.02.2015 
A- A+

O Goberno galego realizou un chamamento á "unidade" tras a manifestación deste domingo en Santiago de Compostela, que aglutinou miles de persoas en defensa do idioma convocadas pola Plataforma Queremos Galego para pedir un cambio de rumbo na acción da Xunta ante a perda de falantes entre os máis novos. A Secretaría Xeral de Política Lingüística reiterou que a protesta "non é o método" para mellorar este indicador, e avanzou que tomará "medidas" para impulsar o uso da lingua galega na sociedade.

O responsable deste departamento, Valentín García, defendeu, dende "o respecto" aos manifestantes e á protesta do domingo, a necesidade de "sacar medidas positivas de traballo" que "axuden a reverter" unha situación "que preocupa a todos", en lugar de accións que visibilizan "conflitividade" sobre o idioma.

García analizou, en declaracións a Europa Press, a situación da lingua a partir dos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) que fixeron saltar "a alarma" social. En primeiro lugar, sinalou que Galicia rexistra "os mellores datos" da súa historia "en canto a coñecemento do galego" e "lectoescritura", e mesmo "mellorando" os indicadores que se refiren á actitude dos cidadáns ante o idioma.

"O problema", indicou, radica na perda de uso na franxa de idade de entre 5 e 14 anos, con dous puntos de caída que se suman aos 12 puntos que se perderan no período 2003 e 2008. Por iso, considerou que os datos reflicten que se trata dunha problemática "clara" de uso, "un problema social, non educativo" dado que os mozos "teñen competencia" para falar.

"Temos que poñer en marcha medidas" e "temos que analizar o conxunto de datos en si", explicou García, para avanzar que a Xunta anunciará accións que terán que ver co impulso do galego "no ámbito social, socioeconómico" ou mesmo tecnolóxico.

A pesar diso, advertiu de que, do mesmo modo que "as administracións públicas teñen que actuar", tamén será necesario "no resto de ámbitos" onde fraquea o uso do idioma, como nalgunhas cidades onde se rexistran peores datos ou no sistema universitario.

COHERENCIA

García tamén insistiu en chamar á "unidade" e a ser "coherentes todos os días do ano" e "falar" galego, dado que se hai un "clamor popular" de amor pola lingua iso "chegaría para solucionar" os problemas de uso.

"Usalo todos os días, transmitilo aos fillos todos os días, e cando vas ao ximnasio", exemplificou o responsable de Política Lingüística, coincidindo cos manifestantes na importancia de tomar medidas encamiñadas "á xuventude", pero reiterando a súa petición de "coherencia" a determinadas entidades que apoiaron a protesta, para así "solucionar entre todos" o déficit de uso de lingua galega.

Tampouco escusou o papel do Goberno galego na futura toma de decisións e a súa responsabilidade respecto ao idioma, indicando que a Xunta ten que actuar en áreas "onde falta tanto por facer", aínda que aclarou que "non hai varíta máxica para cambiar a situación dun lado para outro".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS