Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
De vez en cando óese nas radios e televisións de Madrid a frase: "É coma o galego na escaleira, que non sobe nin baixa", ou con pequenas variantes, aplicada ás persoas dubitativas que nin arre nin xo, porque non atan nin desatan.
A quen máis llela aplican é ós políticos desta condición espiritual, cando non aclaran as súas verdadeiras intencións. Pero esta vella frase castelá, ademais de non expresar ben a psicoloxía deles, resulta unha comparación odiosa para o pobo galego. Exprésaa moito mellor a seguinte exclamativa: "¡Ten unha cuxa que o demo que lla muxa!", utilizada polo pobo galego para enfatizar dunha maneira metafórica o dito comportamento.
Para interpretala hai que ter en conta o contexto social no que foi creada polo pobo galego. Xurdiu nunha sociedade eminentemente agrícola na que a vaca érao todo, queremos dicir moi importante. Porque ademais de dar o leite e de ser útil para facer os traballos agrícolas tirando do carro ou polo arado, paría "cuxas" e cuxos. A palabra "cuxa" ten dúas acepcións en galego: a de cría da vaca e a de vaca nova parideira, máis apreciada có boi por ser este útil só para o traballo. Como a cuxa lle nacía na casa, o pobo coñecíaa moi ben desde que nacía. E se ó parir se deixaba muxir polas boas ou daba patadas para impedilo. Por iso a palabra cuxa pasou a ter o significado metafórico desta frase, na que se refire á alma das persoas con retranca, zorras e traizoeiras na das que vive. E ás que non hai quen llela muxa, é dicir, de saber o que en realidade pensan nin van facer.
Estas persoas hipócritas cando falan con un obsérvanlle atentamente ata as máis sutís reaccións, para irlle adaptando ó gusto del o contido e ton da conversa. E cando un fala con elas danlle en todo polo pau con acenos e monosílabos (si, ben, xa...) aprobatorios finxidos para infundirlles seguridade. Así é como nun dos seus ensaios di Sigmung Freud que lles dan seguridade os xesuíticos ós demais, para fascérselles coa alma. Porque, segundo este gran investigador da alma humana, ninguén está totalmente seguro de que a súa maneira de expoñer as cousas coincide plenamente co que quere dicir. De aí a dúbida de ser correctamente entendida. O pobo galego coñece moi ben a psicoloxía destas persoas, por iso lles aplica a devandita frase ós políticos hipócritas de todos coñecidos, que din amar Galicia e a súa lingua e cultura sen ser verdade.
Por non creren en nada que sexa galego, carecen de proxecto político beneficioso para Galicia. E só andan polo seu proveito lucrativo e ó poder polo poder para satisfacer a súa vaidade gozando del sen finalidade positiva para o pobo nin responsabilizarse das consecuencias negativas da súa política.
O prestixioso sociólogo alemán Max Weber, no seu libro O político e o científico, define o político desta condición como Machtpolitik ou "Político de poder", no que o caracteriza coas seguintes palabras: "A ausencia de finalidade obxectiva faino proclive a buscar a aparencia brillante de poder en vez do poder real; e a falta de responsabilidade lévao a gozar do poder, sen tomar en conta a súa finalidade". E só por seren desta natureza vaidosa, perniciosa e con ansias de subir enganando o pobo, son merecedores de toda crítica.
En Galicia danse estes políticos falsarios coma o trigo en Castela, quizais debido á realidade vivida durante séculos polo noso pobo, expresada maxistralmente por Aquilino Iglesia Albariño nos seguintes versos, que non se sabe se son da súa autoría ou da do pobo recollidos por el: "A tantos amos serviron / os galegos e aínda sirven, / que sen ter amos non viven".
Esta opresión secular podería ser a causa de que Galicia sexa un viveiro de políticos con cuxa por reacción ó servilismo, para mandar nos demais en vez de ser mandados. E da que poder sacar o carto, o favor, a colocación dos fillos, etc., para o que se arriman por necesidade a quen lles bote unha man, porque primum vivere.
O pobo galego é vítima destes políticos falsarios sen ideais galeguistas, tanto de dereitas como de esquerdas, ós que lles é aplicable a dita frase popular. Porque lles manteñen a cuxa na alma a moitos galegos mediante o cultivo con zorrería ou por detrás do caciquismo seular endémico e do esperpéntico asemblerismo moderno foráneo. E dándolles polo pau en todo o negativo para Galicia fomentándollelos complexos lingüísticos, de inferioridade, etc., e explotándollelos instintos máis baixos en vez dos nobres en prol da mellora do pobo.
Hai tantos galegos encuxados e encacicados, vivindo na hipocrisía en vez de na autenticidade galega, que cando un político sen cuxa dos honrados que trallan polo ben da sociedade fai algo positivo por Galicia só unha minoría do pobo é quen de llo recoñecer publicamente sen temor ó qué dirán. E cando o dito político deixa o cargo sen sacar tallada para el nin para a súa familia e amigos, estes galegos socialmente degradados din que foi un burro, que non valeu de nada para os familiares, etc. Porque entenden a política só como un medio de vida en vez dun proxecto social, por estaren identificados cos políticos con cuxa deformadores do pobo.
Cando un adversario destes políticos lles critica o seu labor negativo por andaren sempre ó seu sen mover unha palla polos demais nin polo seu país, reaccionan atacándoo directamente no terreo persoal sen esgrimir ningún argumento político, é dicir, atácano ad hominem, deixándose levar pola súa cuxa, da que son grandes actores. Ou sexa, deféndense sen argumentar, coma a vaca que dá patadas para non deixarse muxir.
E por andar sempre ó seu, en canto teñen os méritos necesarios marchan satisfeitos facer carreira política a Madrid dicindo que desde alá van conseguir o demo parido por este país para quedar ben, sen despois acordarse máis del. Pois a Galicia estes políticos sempre lla xogan, por teren na súa alma unha cuxa que o demo que lla muxa.
