Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CONFLITO

Pontevedra, en pé de guerra polas gaiolas de cría de salmón

As confrarías ameazan con fortes mobilizacións se non se retiran antes de febreiro

E.P.   | 13.01.2009 
A- A+

Os pósitos integrados na Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra iniciarán un calendario de mobilizacións se a Consellería de Pesca non retira as dúas gaiolas de cría de salmón situadas en Ribeira (A Coruña) antes do día 31 e renuncia ó seu traslado ás proximidades da illa de Ons, situada na zona exterior da ría pontevedresa.

Así o confirmou onte a Europa Press o patrón maior de Portonovo, José Antonio Gómez, quen informou de que os 21 depósitos desta provincia acordaron este sábado subscribir as reivindicacións dos seus compañeiros de Arousa contra esta iniciativa experimental e ratificar a súa negativa a que o proxecto se traslade á entrada da ría de Pontevedra, a 1,5 millas das illas Ons. "Se efectivamente non causa dano, ¿por que se comprometeu a Consellería a trasladar as gaiolas agora? Non se pode sacar o lixo dun lado e metela noutro", cuestionou. "Hai xa 15 anos todas as confrarías se opuxeron á localización de bateas ó abrigo de Ons. Non queremos nada aí porque é a ría máis rica en especies peláxicas de peixe", insistiu, tras remitirse a informes de biólogos e científicos que advirten do "impacto ambiental" e da "contaminación" xerada por estas gaiolas.

 

Posibles alteracións do ecosistema da ría

Nesta liña, sinalou que o uso de antibióticos e insecticidas para tratar as enfermidades dos salmóns afectará á poboación de especies autóctonas e fará aparecer flora e fauna procedente doutras latitudes, unha circunstancia que xa se produciu en Chile, onde a cría deste peixe en catividade está moi estendida. "Cada peixe necesita catro quilos de penso por quilo e, da cantidade que se lle bota para comer, só aproveita o 30%. O resto pérdese", apuntou. Gómez xustificou os temores dos profesionais da ría de Pontevedra porque os efectos non só afectarían ás confrarías próximas, xa que estas augas tamén son frecuentadas por profesionais de Vigo, A Guarda, Pontevedra, Aguiño e Portosín.

Fontes da Administración pesqueira aseguraron que se alcanzou un acordo coa empresa para sacar as gaiolas de cría de salmón da súa actual localización e trasladalas a zonas localizadas no exterior das rías onde non estorben a navegación.

O DATO

Rianxo, cos mariscadores

O patrón maior de Rianxo reclamoulle onte a Pesca que "propoña" un novo sistema de traballo e organización dos mariscadores a pé tras prohibir o método de repartición dos ingresos "monte maior".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS