Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Pontón: "A Constitución é froito dun pacto entre o franquismo, o exército e as forzas políticas estatais"

Os nacionalistas presentarán no Parlamento galego unha proposta de "novo estatus de nación" para Galicia

SANTIAGO. EP  | 06.12.2017 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este mércores que os nacionalistas "non festexan" o Día da Constitución Española porque, para eles, o texto é o "froito dun pacto de silencio, dun acordo entre o vello réxime franquista, o exército e as forzas políticas estatais".

Así o expresou a dirixente durante un acto celebrado en Santiago este mércores, no que os nacionalistas denunciaron "a involución, os recortes e unha recentralización que só ten como fin salvagardar o 'status quo' e os privilexios do réxime do 78".

Para Pontón, a Transición trátase dun "relato feliz" á vez que "fraudulento". "Esta é a Constitución dos herdeiros do franquismo reconvertidos en demócratas de toda a vida, a dos militares golpistas, a Conferencia Episcopal máis reaccionaria, dos monárquicos e da oligarquía económica e financeira", esgrimiu.

"O nacionalismo nunca aceptou este marco, porque nós non imos tragar un réxime que inclúe a impunidade duns crimes franquistas, a volta dunha monarquía medieval ou a negación de que Galicia existe e de que temos dereito a decidir sobre o noso camiño", expresou Pontón.

E é que, para a portavoz nacional do Bloque, a esquerda española, que agora "clama contra o réxime do 78", foi a que "posibilitou" esta estrutura. "Foi a esquerda española, que hoxe se di republicana, quen puxo a un rei; que se di laica, pero avalou os privilexios da Igrexa; que se di federalista, pero apoiou un Estado unitario", argumentou.

Así, os nacionalistas consideran que "non se equivocaron de bando" na súa posición contra a Carta Magna, ao contrario que "outros que se equivocaron hai 40 anos e volven facelo agora ao pensar que o problema é Cataluña, Euskadi e Galicia e non ven que o problema é esa idea desfasada dunha España unha, grande e libre". Un réxime que, en palabras de Pontón, lexitímase na Constitución de 1978.

"ESTATUS DE NACIÓN" PARA GALICIA

Neste contexto, Pontón propuxo unha "ruptura democrática" por unha Galicia na que se poida "decidir que futuro" queren construír. Así, adiantou que o BNG proporá, no próximo pleno do Parlamento autonómico, "abordar a situación desta crise do réxime" e un "novo estatus de nación para Galicia".

No acto tamén se homenaxeou a tres dos deputados que foron expulsados da Cámara autonómica en 1982 por negarse a xurar a Constitución, Claudio López Garrido, Bautista Álvarez e Lois Diéguez, presente no acto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS