Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Pontón logo de reunirse con Junqueras: "Defendemos unha solución dialogada e absolución para os presos políticos"

Ana Pontón (esquerda) e Ana Miranda, do BNG, visita a Junqueras
 - FOTO: BNG
Ana Pontón (esquerda) e Ana Miranda, do BNG, visita a Junqueras - FOTO: BNG

05.11.2018 
A- A+

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, visitaron este luns ao líder de ERC, Oriol Junqueras, no cárcere de Lledoners, nun encontro que se prolongou durante unha hora e no que lle transmitiron a "solidariedade e apoio" da formación nacionalista galega a todos os "presos políticos, as súas familias e todas as persoas que en Cataluña queren decidir o seu propio futuro".

"Defendemos que a solución ten que ser política, diálogo, absolución e liberdade para os presos políticos e, sobre esa base, estou segura de que é posible construír un futuro mellor, non só para Cataluña, senón tamén para Galicia e para todos os pobos que neste momento formamos parte do Estado español", manifestou Pontón á saída do cárcere.

Así, volveu a reclamar a "absolución e posta en liberdade" de todas as persoas encarceradas "polo mero feito de defender as súas ideas políticas e o dereito do pobo catalán a decidir nas urnas".

Así mesmo, insistiu en que é preciso "unha solución política e dialogada por parte do Estado que, até agora, está empeñado, en buscar vinganza en lugar de xustiza, que persegue ao discrepante e que se nega a asumir a realidade plurinacional".

Para a líder do Bloque, o Estado español "ten un problema moi grave". "Non quere recoñecer que é un Estado plurinacional e isto implica o dereito a poder decidir o futuro, o dereito a poder construír sociedades máis avanzadas e democráticas que nos garantan dereitos e liberdades básicas", denunciou.

Por iso, a líder do Bloque considerou que é preciso "tecer a solidariedade e denunciar o que está a pasar". Ademais, advertiu da "involución democrática" do Estado ante o que "non é posible permanecer calado, nin neutral", posto que o que está en xogo é "a propia democracia, máis aló de estar a favor da independencia de Cataluña": "Non se pode ter medo, porque o medo 'alimenta ao monstro' que é preciso derrotar".

"MORDAZA"
Ana Pontón denunciou que "hai quen quere pór unha mordaza para que non se diga o que se pensa, que quere que se viva con medo". "Pero o medo o único que consegue é alimentar o monstro antidemocrático que nos priva de dereitos e liberdades básicas, hai que derrotar a ese monstro", aseverou.

Miranda e Pontón subliñaron a "dureza" de ver a persoas que, como Junqueras, "están privadas de liberdade polas súas ideas políticas". "Sen poder ver aos seus fillos simplemente por defender as súas ideas", lamentaron, para engadir que é unha situación que "non debería pasar nunha democracia avanzada" e que "afecta a todos, porque afecta á democracia".

Do mesmo xeito, Pontón reprochou a "parcialidad da Xustiza". "Estamos a ver un Estado que persegue a quen pensa diferente, que é capaz de encadealo, que actúa con crueldade e, o máis grave, un Estado onde se pode ter moi pouca fe na Xustiza, porque é certo que temos a sensación de que a sentenza deste xuízo xa está escrita antes de que se iniciase", apuntou.

Nesta liña, considerou que "hai un ensañamiento e un intento de castigo para unhas persoas que o único que fixeron foi defender o dereito do seu pobo a decidir". "Iso non se pode criminalizar en ningún país avanzado", apuntou, antes de sinalar que a maneira de actuar encadeando a políticos revela un "Estado no que segue habendo vestixios do franquismo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS