Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Populismos e mais imperios

JOAQUIM VENTURA  | 10.04.2019 
A- A+

Valla unha anécdota para encetar esta reflexión sobre o momento que estamos a vivir. Unha compañeira da miña muller recibiu de galano da súa parella, cando hai uns días cumpriu os trinta anos, uns billetes e mais a reserva de hoteis para viaxar ao Vietnam o verán vindeiro. Soaría a autoregalo de non ser porque ambos non conviven: cada quen ten o seu piso e comparten fins de semana e algún día solto. Estou a falar de persoas con emprego estable pero de ingresos medios. Pensando en Vietnam como se non houbese futuro en troques duns fillos que aseguren as pensións nuns anos. Claro que a pregunta a facermos é: ¿hai futuro?

Esa vivencia hedonista - sen ningunha capacidade de sacrificio-, o inmediatismo -carpe diem absoluto- que ten boa parte da xente moza (límite corenta anos) responde, penso, á inseguridade que estamos a vivir no noso tempo. O que é certo hoxe, será volátil cara a mañá. Estamos a vivir a historia como quen observa as nubes: por riba de nós. En apenas dez anos pasamos da febre de mercar pisos (encarecidos) con cretos a prezos de saldo a padecer a expulsión das cidades importantes (incluso dos seus barrios periféricos) polo aumento aloucado dos alugueres.

Os empregos de antes (banca, seguros, industria) xa nunca volverán e estamos coa incerteza como único horizonte. Pero asemade queremos todo para xa e desafogar as nosas neuroses en mercar roupa a prezos rebentados ou en mercar viaxes de baixo custo ao fin do mundo. Pero o preocupante non é iso. O peor é que pensamos –e estamos convencidos diso- que as cousas non poden ser doutro xeito, que estes tempos cambiantes son así e punto.

Sen embargo, non sucede tal. Eses fenómenos da nosa vida cotiá e esoutros de dimensión mundial (Trump, o Brexit, a crecente hexemonía chinesa, a agresividade rusa, as migracións) non son casuais senón que están perfectamente deseñadas polos grandes poderes económicos. A risco de que o panorama se nos amose apocalíptico, non temos que darnos por vencidos. E para iso non é mala precaución tentar coñecer porque estas cousas están a suceder. Ou como os cataláns o despachamos, “saber de que mal imos morrer”.

E para axudarmos a coñecer porque esas cousas pasan, Esteban Hernández presenta El tiempo pervertido. Derecha e izquierda en el siglo XXI (Akal). Esteban Hernández é xornalista de El Confidencial e leva anos á espreita do que sucede no noso mundo. Neste ensaio analiza con rigor o comportamento das forzas económicas e políticas conservadoras desde que rematou a bipolaridade EUA-URSS. Neste senso, sitúa tres vagas de ofensiva conservadora. A primeira foi a que impulsaron Reagan e Thatcher de medidas neoliberais (redución do gasto social e mais o sector público, e rebaixa de impostos: aos ricos, claro) e aumento do gasto militar.

Xa desaparecida a guerra fría, a segunda vaga chegou con George Bush Jr. e os chamados “neocon”. Non era distinta, conceptualmente, da anterior pero fronte ao único referente hexemónico mundial, cos atentados do 11-S apareceu un elemento distorsionador: o terrorismo islamista (cuxo xermolo foi botado desde Washington anos atrás), que non resultaba tanxible en termos de espazo pero que axudou a xustificar a intervención militar en Iraq en tanto que resposta á ameaza que Occidente padecía. Eran, con todo, os anos da revolución dixital, do culto ao corpo e do benestar material. E as esquerdas, tanto nos Estados Unidos como na Europa occidental, aparecían, maioritariamente, como un deus Xano: aparentaban dar apoio ás minorías pero vivían no confort. Era aquela gauche caviar.

Nesta segunda vaga, unha vez baleirado o sector público, as elites dominantes necesitaban seguir coa súa particular extracción e foi daquela cando se decataron do nicho que supuña o sector financeiro: cretos hipotecarios e de consumo a baixo interese -en favor de persoas de solvencia dubidosa moitas veces- para mercar casas, segundas residencias, electrodomésticos de alta gama, coches, viaxes de pracer. Un empuxe consumista (todo valía) que entre nós foi aplicado disciplinadamente por José María Aznar. Claro que esas alegrías tiveron o seu freo: nos Estados Unidos, os que mercaran as hipotecas baratas empaquetadas quixeron cobralas pero os impagamentos dos hipotecados fixeron caer Goldman Sachs e, tras este banco, unha parte do sistema financeiro occidental (entre nós, as caixas de aforros, non por casualidade). Pero, ben, a megafábrica mundial que era a China permitía bens de consumo baratos: estabamos na a globalización (cos emerxentes BRICS).

Xa coas clases populares fóra de combate e as clases medias empobrecidas, os beneficiados pola crise quixeron ser aínda máis ricos. E nese “salto adiante” conservador (representado polo fenómeno Trump) cómpre reducir aínda máis o sector público. Pero agora a situación xa non é de axuste entre as elites. Agora é un sálvese quen poida fronte a crecente hexemonía chinesa (e rusa): os fabricantes de onte souberon empregar os capitais e mais as técnicas recibidos de Occidente e agora están a competir con el. E, entre tanto, ás clases medias occidentais, perdida toda esperanza polos vellos tempos, xa non teñen máis reacción ca nostalxia.

E se esa reacción nos Estados Unidos foi Trump, no Reino Unido foi o Brexit, en Francia foi madame Le Pen e en Italia foi Salvini, entre nós –e con dinámicas distintas- callou no independentismo catalán e en España pode asomar a pata co fenómeno Vox. Avisados estamos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS