Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

"móvete"

"Postos" no medio

Adega lanza, arroupada polo mundo cultural e universitario do país, unha das máis importantes campañas do mundo ecoloxista, co fin de frear a destrución que sofre o territorio

ROSABEL CANDAL . SANTIAGO   | 17.04.2011 
A- A+

Froilán Pallín, secretario xeral de Adega, intervindo no acto de lanzamento da campaña, onte, no Auditorio de Galicia, en Compostela, cos 22 persoeiros detrás

"Ponte no medio. Móvete polo territorio". É o nome da campaña -unha das máis importantes posta en marcha polo movemento ecoloxista do país ata o momento- lanzada onte en Compostela pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). A organización presidida por Virxinia Rodríguez non está soa. Nun acto moi dinámico e atractivo -no que non faltou a música grazas a MaM e á impresionante Wöyza-, arrouparon a Adega máis de vinte persoeiros de sobra coñecidos do mundo das artes, das letras e das ciencias do país.

Eles precisamente foron os encargados de dar lectura a un manifesto que reclama unha ordenación sustentable e a fin das destrucións e ameazas ás que se somete ó territorio a diario, tanto por parte dos especuladores como das Administracións públicas ou das empresas privadas. Dito documento reivindicativo, que a partir de agora será difundido por Adega a todo tipo de grupos, asociacións e organizacións sociais para que se adhiran a el e conseguir así chamar realmente a atención de concellos, Xunta e Goberno estatal, nace xa asinado por máis de 120 personaxes de recoñecido nome e de todos os eidos sociais da comunidade, así como polos principais colectivos sensibles co medio que hai en Galicia.

En representación de todos eles, onte, en Compostela, tomaron a palabra Xurxo Souto, Adela Figueroa, Margarita Ledo, Xosé Alfredo Pereira Martínez, Fernando de Abel Vilela, Manuel Gallego Jorreto, Xavier Amigo Vázquez, Alba Nogueira, Adolfo Cordero Rivera, Rosario Álvarez, Goretti Sanmartín, Emilio Carral, Beatriz Moyano de Beçz, Carlos Silvar, Jorge Coira, Celso Dourado, Teresa Moure, Isabel Risco, Xosé Manuel Penas Patiño, Chelo Pampillón e Luís Iglesia. Cada un deles leu un anaquiño do manifesto. Xúntanse nun movemento común para intentar parar o que acontece, para esixir que se free a degradación do territorio que, en palabras da presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, e do secretario xeral, Froilán Pallín, "é o que nos dá a vida e o que nos identifica".

"É necesario incidir na opinión pública", exclamaba onte Pallín no Auditorio de Galicia, porque "o territorio é un recurso escaso, fácil e de valor estratéxico, que se acabará se non detemos o que están a facer". Así, o manifesto presenta un decálogo de demandas concretas a levar a cabo para facer realidade o necesario ordenamento sustentable do territorio. Esixen que se respecten "escrupulosamente" os espazos protexidos e se poñan ó sevizo da poboación a través de plans de desenvolvemento rural. Que se incremente a zona de protección do litoral ata o mínimo dos 500 metros e se paralice a ocupación urbanística desta zona. Que desaparezan os privilexios da minaría e que se obrigue ás empresas extractivas a recuperar os espazos da súa actividade.

Piden tamén restaurar a economía do medio rural vinculada á terra primando a protección do solo agropecuario e defendendo os montes veciñais en man común fronte á privatización. En materia fluvial, esixen a suspensión indefinida dos novos aproveitamentos hidroeléctricos; e tamén que se fomente e recupere o camiño de ferro e outras formas de mobilidade en detrimento dos transporte individual e por estrada.

Demandan ademais políticas enerxéticas que permitan a participación social dos beneficios, un urbanismo racional e de calidade, un modelo de xestión de residuos descentralizado, que prime a redución, reutilización e reciclaxe, e que se impulsen campañas de eduación ambiental para o conxunto da sociedade.

Para que todo isto ocorra, é necesario, xa, "poñerse no medio". Dicíano onte, Rodríguez e Pallín: "Necesitamos non só do movemento ecoloxista, senón de todos".

OS PUNTOS CRÍTICOS

"Esta Xunta acelera a degradación con leis á medida duns poucos"

No acto de onte, ecoloxistas e persoeiros foron especialmente críticos coas decisións tomadas polo Executivo do PPdeG nesta lexislatura. Cando xustamente se cumpre o ecuador deste primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo, denunciaron que "foron dous anos de reafirmación da súa insensibilidade co territorio". "Lonxe de aprender dos erros pasados, o actual goberno da Xunta continúa a acelerar a degradación do territorio con reformas lexislativas feitas á medida duns poucos e co rexurdimento de vellas ameazas".

"Hai que lexislar cunha visión máis ecoloxista e menos economicista", defendía Pallín. "Aquilo ó que lle chaman crise económica nós chamámoslle crise ambiental", dicía Rodríguez.

Así, o manifesto censura que as empresas eólicas, as cuícolas e as mineiras atopen nos espazos naturais "un solo barato" e que a Xunta popular recuperase a planta acuícola de Pescanova en Cabo Touriñán. No eido rural, critican que as terras sexan pasto do monocultivo do eucalipto "para beneficio das industrias da celulosa que contaminan as nosas rías, ou para as industrias do lume", e que os cultivos transxénicos campen libres e se corte madeira autóctona sen problema.

No referente ó litoral, advirten de que "a costa xa ten amplamente superada a súa capacidade de carga pola presión humana" e no tocante á paisaxe, lamentan que "apenas foi considerada á hora de deseñar a planificación territorial, enerxética, hidrolóxia, industrial e turística, dando lugar a aberracións". Igualmente atacan que Xunta e Estado non poñan freo á explotación hidroeléctrica dos ríos "malia recoñecer que están saturados", lamentan casos urbanísticos como o de Barreiros e denuncian o "incremento da destrución do Patrimonio de maneira alarmante".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS