Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 21.06.2019 Actualizado 20:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Potencia exportadora ou país dependente?

MANUEL MERA  | 20.12.2018 
A- A+

O goberno galego gabase acotío da fortaleza exportadora da nosa economía, e así o parecen confirmar os datos oficiais. Nomeadamente segundo o IGE as exportacións galegas fóra do Estado español (EE), até o mes de setembro, medraron un 7,6%, fronte a unha media do 3,2% en todo o Estado. Ademais, as exportacións representan nada menos que un 8,1% do total, ou sexa unha cifra superior á media da poboación e do PIB da Galiza no EE. Somos unha potencia exportadora!

Agora ben, estas cifras tan positivas contrastan co medre do PIB, a creación de emprego, o paro, a emigración, e a caída demográfica. Nos primeiros tres trimestres deste ano ano os ocupados/as no sector industrial reducíronse, pasando de 169.800 a 167.000, cando a tendencia debería ser á contraria, tendo en conta o auxe das exportacións. Porén non é así. Unha das razóns é que, incomprensibelmente, as cifras oficiais e moitos dos analistas empregan de modo errado o conceito de comercio exterior, excluíndo o comercio co resto do Estado español, cando ten un valor moi semellante. Polo que pode darse o caso de que, por unha banda, o comercio exterior excluíndo ao EE medre aceleradamente, e teña un saldo moi positivo, mentres que o comercio co resto das nacionalidades e autonomías do Estado acumule un enorme déficit. En resumo, que o que se gaña por un lado perdese polo outro folgadamente, polo que non se poden tirar conclusións definitivas cunha visión tan parcial, tal como despois se confirma nun cadro laboral e social tan cativo.

Tampouco se pode obviar que nestas cifras parciais aparece o sector da confección como o máximo exportador, por riba da automoción, cando o emprego nesta actividade é moi baixo, mentres que a ocupación no sector de vehículos é tres ou catro veces maior. Tendo en consideración a importancia dalgunhas empresas multinacionais, que fabrican case que todas as prendas no exterior, semella que o noso país só é lugar de paso, daquela que a súa contribución ao PIB e ao emprego sexa mínima.

O realmente importante é ter un resultado favorábel no saldo entre exportacións e importacións exteriores incluíndo todos os territorios para alén do Padornelo. Un saldo que tamén debe ser positivo nos servizos e no fluxo de capitais. E neste último aspecto é claramente negativo para a nación galega. Somos fornecedores netos de capital, vía investimento no exterior e mediante a repatriación de lucros das empresas de capital foráneo (hoxe case que todas as de maior dimensión e máis dinámicas). E mesmo que as transferencias públicas fosen positivas para Galiza, estas perden toda eficacia como factor compensador, porque o saldo no sector empresarial (privado e público) é un burato polo que se marcha unha boa parte da riqueza creada.

Temos un papel subalterno na cadea de valor, cada vez máis evidente. Unha dinámica que non mudou despois da crise, senón que se consolidou como consecuencia da globalización neoliberal, ou sexa de políticas máis agresivas de concentración e centralización do poder e da riqueza. Non son atrancos que se solucionen con reformas menores, aínda que sempre sexan ben recibidas. Son necesarias medidas que rachen coa dependencia, democraticen a economía, as relacións laborais, a cultura e as institucións. Os grandes avances científico técnicos non poden seguir unidos ao medre da desigualdade, precariedade e pobreza, destrución de linguas e culturas, desfeita da natureza, nun mundo inzado de guerras, agresións, corrupción e capitalismo delituoso. Estes avances teñen que estar ao servizo da xustiza social, a paz, a solidariedade, o respecto pola soberanía das nacións, e o trato igualitario. A andaina actual non ten futuro, nen sequera para os donos/as dos cartos e do poder, abonda con botar unha ollada ao estado do mundo.

Manuel Mera

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS