Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

O povo é quem mais ordena

XOSÉ A. GACIÑO  | 02.03.2013 
A- A+

Nesta columna colocada baixo a advocación laica do inesquecíbel Zeca Afonso, non pode pasar sen referencia esa curiosa campaña de protesta cívica que se desenvolve en Portugal, recobrando aquel himno entrañábel, Grándola, vila morena, que serviu de contrasinal do que despois sería coñecido como a revolución dos caraveis, e que agora cantan ante o primeiro ministro desde a tribuna de invitados do parlamento ou en calquera acto público ao que asistan membros do goberno, por suposto nas manifestacións contra os recortes unilaterais e discriminatorios (sempre contra os mesmos). Contra os herdeiros da vella ditadura salazarista, entón. Contra a nova ditadura dos mercados e da troika, agora.

 

O propio Zeca comentaba que non se dera conta da significación que acadara a súa canción ate que, no proceso mesmo da revolución contra os intentos de restablecemento da ditadura, advertiu que “era cantada nos momentos de máis grave perigo ou de maior entusiasmo”. Evidentemente, os de agora son momentos de grave perigo, nos que Portugal está sometido ao castigo marcado polos donos dos déficits públicos (é dicir os bancos, sobre todo os alemáns, que dependen destas políticas de austeridade para recuperar o que arriscaron polos seus excesos nos tempos de euforia).

 

Nacido como homenaxe á modesta sociedade musical Fraternidade Operária Grandolense, que xogaba no seu pobo, nos anos sesenta, un papel dinamizador da actividade cultural e reivindicativa contra a ditadura, e que acollera un concerto de Zeca no 1964, este canto á terra da fraternidade, onde “o povo é quem mais ordena”, incorporouse a ese catálogo da memoria sentimental de sons de liberdade e solidariedade que foron acumulándose en todo o mundo a golpe de loitas, avances, retrocesos e frustracións. Entre a utopía e a inxenuidade, desde a dor e a rabia, estes cantos conservan os soños de esperanza dos máis desfavorecidos e os niveis de desencanto acumulados polos fracasos e os incumprimentos.

 

Porque despois dos instantes de euforia combativa e de fugaces vitorias parciais que levantan o ánimo, mesmo despois de triunfos aparentemente revolucionarios ou de obxectivos máis realistas no desenvolvemento de políticas democráticas de redistribución social, parece que máis pronto ou máis tarde os feitos rematan por demostrar que os fascistas finalmente si pasan, os poderosos conseguen mover ate as árbores firmes xunto ao río, e o pobo unido tamén é vencido (en todo caso, moi poucas veces conséguese unir a todo o pobo, nin sequera aos sectores que máis intereses en común poden ter).

 

Parece que, a longo prazo, as clases poderosas (sexan as que sexan en cada época histórica) conseguen impoñerse e recuperar de sobra as limitadas concesións que nalgún momento se lles consegue arrincar. Como están a facer agora en Europa os seus representantes (a troika da CE, BCE e FMI, teoricamente apoiada polos que prometeron defender os intereses dos seus electores) e a dereita republicana en Estados Unidos.

 

Pero a utopía segue sempre no horizonte (por iso nunca a acadamos) e segue a impulsar a loita pola propia dignidade. E a imaxe da avenida da Liberdade absolutamente abarrotada de xente, convocada por un movemento autodenominado Que se lixe a troika, levanta o ánimo. Por un instante, pode recuperarse a emoción da fraternidade e volver xurar, como na canción de Zeca, ter por compañeira a vontade do pobo, quen máis ordena.

 

Xa virán os cobradores do frac a pasar factura, pero o sentimento solidario de hoxe pasará a ese calendario da loita inacabábel á que non se pode renunciar, por moi inútil que pareza. Como se di noutro deses cantos da memoria sentimental da colectividade progresista, We shall overcame, venceremos algún día.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS