Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O PP galego ten o vento en contra

MANUEL MERA  | 03.07.2019 
A- A+

As últimas eleccións, ademais de marcar tendencias electorais no Estado, como son o avance do PSOE, a consolidación do soberanismo catalán e vasco, o retroceso de Podemos, e a división do bloque da dereita, tamén o fixeron respecto da nación galega. Así o reflicte que o PSG-PSOE sexa a forza máis votada nas eleccións xerais, ou sexa, as que teñen o carácter máis ligado ao proxecto político partidario. Por se non abondase, nas votacións europeas, aínda que o PP acadou uns miles de votos máis, practicamente houbo un empate. E, todo isto malia que na Galiza o peso de Ciudadanos e VOX é moi inferior ao de outras autonomías e nacionalidades.

Visto o tema en perspectiva, tendo en conta que as autonómicas serán dentro dun ano, que o PSOE está en alza e todo indica que gobernará o Estado nos vindeiros anos, as expectativas son malas para o PP na Galiza. Máxime se lle engadimos que todas as cidades e deputación provinciais, agás a cidade e deputación de Ourense, están dirixidas polo PSOE en alianza con opcións coas que o PP é practicamente imposíbel que poda chegar a acordos. Aínda así, todo indica que Núñez Feijóo vai dar a batalla, non tanto a dun proxecto de desenvolvemento para Galiza, como centrado na eficacia da xestión en relación coas decisións dos centros de poder, ou sexa, Madrid e Bruxelas. E, non se debería desprezar esta cuestión, máxime cando o principal partido da oposición ten un xeito de facer semellante, xa que as diferenzas son de matiz, mesmo que non se deban desprezar.

Polo tanto, sen ignorar que o PSOE manterá na Xunta de Galiza unha actitude máis dialogante e sensíbel en todo o relativo aos dereitos individuais (de xénero, sexualidade, etc.), mesmo será máis receptivo nos temas laborais e sociais, o seu proxecto actual e a súa historia amosa que non vai cuestionar o modelo dominante. E non facelo implica que non vai mudar a tendencia hexemónica, que centraliza e concentra a riqueza e o poder, aumentando a desigualdade entre clases sociais e países, como se evidencia na Galiza co fuga de capitais e de aforro, a emigración masiva, a merca por capital foráneo das empresas máis dinámicas, todo elo malia as potencialidades en minerais, enerxía, e unha extensa costa. Un papel subalterno que tamén se reflicte, non podía ser doutro xeito, no rol que cumpre a cultura e lingua propia, porque a sociedade é un todo.

Daquela, que a cuestión non se pode circunscribir exclusivamente acadar un cambio de partido na Xunta, senón que é esencial que o PSOE teña que pactar para gobernar con forzas á súa esquerda e que fagan da Galiza súa referencia central. Porén tamén neste escenario, non só cando goberna a dereita, debese manter a iniciativa popular e a mobilización na rúa. Nestes aspectos non axuda o retroceso e a deriva de Podemos+EU+Anova, nen o cativo dos resultados nas municipais do que era En Marea. A menos que a situación de emerxencia nesta forza permita unha clarificación da folla de ruta e un reagrupamento do nacionalismo de esquerda.

Polo tanto, a responsabilidade do BNG nesta conxuntura é moi grande, xa que é a única forza política de esquerda con posturas rupturistas que medra neste intre. E que mantén ao pobo galego (ou sexa a Galiza) no centro da súa actuación, e como única referencia do proxecto político tanto no eido social como institucional. E esta actitude, que converte o dereito de autodeterminación en parte da folla de ruta, para alén do discurso e do programa como ritual congresual, marca a diferenza. Son actitudes, accións, que valoran non só por aqueles que se consideran nacionalistas, senón as persoas de esquerda e progresistas preocupadas pola precarización, os baixos salarios, o desemprego e emigración, a dependencia, as pensións, a sanidade,... porén tamén polo desleixo respecto daquilo que nos dá identidade como pobo, como nación.

Esta ligazón das contradicións, en pe de igualdade, é a que garante unha forza con peso político, hexemónica (e non só na Galiza). Daquela que, vincular axeitadamente na mensaxe, na iniciativa, nos obxectivos, na práctica, estas dúas contradicións fundamentais, como son clase e nación, estreitamente ligadas nos países dependentes, está a chave para que o nacionalismo galego poda condicionar de modo decisivo, nas institucións e na rúa, en beneficio das clases populares, un cambio de goberno nas vindeiras eleccións galegas.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS