Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

INICIATIVA

Presentado en Santiago o proxecto Sermos Galiza

O acto acolleu a numeroso público e persoeiros da vida política e cultural do país

SANTIAGO. JORGE M. DE LA CALLE  | 06.10.2011 
A- A+

Sermos Galiza, a iniciativa social por uns medios de comunicación propios en galego, volveu a Compostela onte despois do avance do Festigal en xullo. Membros e membras da comisión promotora presentaron o proxecto ao numeroso público compostelán que se achegou ao Auditorio de Caixanova, na praza de Cervantes, aliás de persoeiros da vida pública social e cultural de Galiza.

Teresa Moure, escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Néstor Rego, da Asociación Cultural O Galo; Rubén Lois, profesor da USC; Manuel Vilar, investigador na Historia da Arte e o Patrimonio; e Olalla Rodil, estudante, deron a cara para explicar o contido deste proxecto que convoca a sociedade máis concienciada para o lanzamento dun semanario en papel e dun diario dixital en galego. Instaron aos cidadáns e cidadás a apoiar esta iniciativa, tanto economicamente, coa adquisición de accións para a constitución dun capital social viable para mantela, como socialmente, a través da difusión, compra e subscrición ás futuras publicacións.

Foi Teresa Moure a que pronunciou o discurso máis acendido en prol duns medios de comunicación "críticos, independentes, de esquerdas e en galego". Comezou facendo un repaso ao panorama mediático actual na Galiza, no que salientou o "peche de tódolos medios de comunicación" galegos, agás honrosas excepcións (Novas da Galiza), e outras menos honrosas (La Voz de Galicia e as demais cabeceiras tradicionais). E leu un fragmento das Irmandades da Fala escrito por Fernán Cobas, "Lelo", n'A Nosa Terra de 1931, para demostrar como a situación primaria de hai oitenta anos é similar á de hoxe, e como temos retrocedido na normalización do idioma de noso. Moure bota en falta "proxectos feitos dende o arredismo, críticos e plurais", que representen os nosos "intereses nacionais", e critica todos os medios aos que subvenciona o actual goberno da Xunta que, porén, silencian acontecementos como a creación de Sermos Galiza, da que non informou ningún dos grandes medios tradicionais. Pola contra, desexa "mil primaveras máis" para medios como Novas da Galiza e aplaude as publicacións feitas "con entusiasmo, entrega e espírito crítico".

Tivo tamén a autora de "Vivirmos na propia lingua, un dereito dos pobos" un recordo sentido para as mulleres que deixaron a principios do século XX o seu contributo no xornalismo galego, "o que o fai unha rareza do mundo mundial"; entre moitas máis, Concepción Arenal, María Barbeito, ou Pura Lourenzá, moitas delas escritoras en galego; e criticou o paradigma patriarcal do xornal "dirixido aos homes, ou, máis ben, a un tipo específico de home que quere estar ao día; iso si, só de determinados asuntos": sucesos, deportes, contactos, horóscopos...

Sen querer "pechar a competencia" nin dicir "o que nos aproxima ou diferencia de outros", Teresa Moure conquire que "é hora de pasarmos páxina. Sermos Galiza é un proxecto distinto. Non xorde como é habitual. O máis común é constituír unha empresa cun capital e despois desenvolver o produto. Aquí traballamos ao revés. Primeiro deseñamos un proxecto e despois constituímos unha empresa. Sermos Galiza é unha iniciativa sen precedentes dentro da prensa galega". Nas circunstancias hostís que vive o xornalismo galego, a principios de xullo, catro días despois do peche do derradeiro xornal diario en galego, Galicia Hoxe, e un día despois de que a RAG chamara ao debate social por mor do peche encadeado de medios de comunicación en galego, o 2 dese mes, anunciábase en Santiago a constitución de Sermos Galiza. As promotoras e promotores desta iniciativa cidadá "á procura xa duns 3.000 socios e accionistas que sustenten o proxecto" consideran "urxente o nacemento dun grupo de comunicación que responda ás necesidades informativas do noso país no século XXI, unha iniciativa sólida, colectiva e plural (...), referente informativo dos intereses da nación galega". Un espazo propio de comunicación e debate social en galego, por tanto.

Detrás da andaina informativa figuraban xa os nomes de Marga Romero, Néstor Rego, María Reimóndez, Manuel Mera, Teresa Moure, Nemesio Barxa, Manuel Vilar, Xurxo Souto, Xosé R. Freixeiro Mato, Xosé Lois O Carrabouxo, Marica Campo, Olalla Rodil e Francisco Carballo. Neste tempo teñen acadados miles de apoios por parte de particulares e asociacións, e de numerosos representantes de entidades sociais e organizacións: por exemplo, de entre os que aí estaban presentes, Carlos Manuel Callón Torres, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Anxo Louzao (secretario xeral da CIG-ensino), Xosé Manuel Beiras (ex voceiro do Bloque Nacionalista Galego e presidente da Fundación Galiza Sempre); ou Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova. O público acolleu con entusiasmo a presentación, á que seguiu unha rolda de preguntas e faladoiro no que se demostrou o interese dos asistentes por esta plataforma.

Teresa Moure e Néstor Rego animaron á cidadanía a facerse con accións deste proxecto, para constituír un capital social inicial que permita poñer en marcha e soster economicamente o proxecto, uns 300.000 euros, divididos en 1.000 accións de 100 euros, e formar entre todos e todas unha xunta de accionistas anónima, plural e diversa, na que ninguén poida quedar con máis do 10% do capital, e evitar así o seu control. "Somos (sodes) un grupo tan heteroxéneo como a sociedade galega", recalcou Moure. "Outra prensa é posíbel, unha prensa de esquerdas, do pobo para o pobo, que preste atención aos movementos sociais e recoñeza o carácter nacional de Galiza".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS