Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Preséntase en Baiona o libro “Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar”

Francisco Maseda aborda a biografía do Conde de Gondomar, o embaixador que evitou a guerra coa Inglaterra do Estuardo Xacobe I

26.10.2011 
A- A+

Diego Sarmiento de Acuña

O Parador de Turismo de Baiona e a Editorial Biblos presentan o libro “Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar”, do historiador Francisco Maseda. O acto contará coa presenza de Carlos Méixome (presidente do Instituto de Estudos Miñoranos) e Tucho Calvo (editor) e terá lugar este xoves, día 27, ás 20 horas no Parador de Baiona (Pontevedra).
 

Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar é unha das figuras máis senlleiras da Historia Galega e, nembargante, aínda ben descoñecida. Ata o punto de que Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, que publica a colección Mandaio de Biblos, é a primeira biografía en galego dun personaxe que defendeu as nosas costas dende mozo fronte aos ataques de Francis Drake, que participou na recuperación do voto en Cortes para a nosa terra, ou que lle valeu a Galicia ante os ataques do cronista portugués frei Brito nunha fermosa carta en defensa da caste galega.

O traballo de Francisco Maseda ponnos ante un galego que nunca renegou da súa orixe. Pese á súa posición privilexiada e a que viviu nos chamados Séculos Escuros, usou o galego no seu epistolario, o máis copioso da Idade Moderna Española, composto por dezaoito mil cartas das que unhas tres mil considéranse correspondencia galega.

Fazañas como as mencionadas xa poderían parecer de abondo. Pero a través das páxinas deste libro preténdese poñer en valor un grande prócer galego, servidor de tres Austrias ―Felipe II, Felipe III (a quen o noso Conde se atreve a escribirlle unha incendiaria carta falándolle de tódolos males da monarquía hispana) e Felipe IV―, que, malia ser sempre un home leal, viuse expulsado das proximidades do poder estatal pola envexa que o seu bo facer e fidelidade de fidalgo galaico espertaron entre os validos reais, homes como o duque de Lerma e o conde-duque de Olivares.

O Conde de Gondomar tivo entón que atopar a peana da súa sona fóra de España, como embaixador en territorio de herexes, na Inglaterra do Estuardo Xacobe I. Coa difícil empresa de manter as paces, asinadas anos antes entre un decadente imperio español e un puxante imperio inglés. Levou o de Gondomar a bo porto o seu cometido, malia que o predecesor no seu posto lle dixera que era imposible manter a situación asinada por máis de seis meses. Non só acometeu sobradamente a tarefa que se lle encomendou durante as súas embaixadas e ata a morte do rei inglés en 1625, senón que conseguiu manter e afirmar o orgullo dun case que finado imperio español.

O Conde ganou a simpatía do rei inglés, quen gustaba sobre maneira da compaña do galego, chegando a manifestarlle que se tivese na corte inglesa un vasalo coma o de Gondomar daríalle a metade dos seus reinos. Mais os comezos entre ámbolos dous non foron doados e o Conde arribou a terras inglesas negándose a pregar os estandartes dos seu barco perante os da mariña real inglesa, cousa que si fixera o propio Felipe II cando fora a Inglaterra buscar muller en María Tudor.

A ascendencia de Diego Sarmiento de Acuña sobre Xacobe I foi tal que ergueu os ruxe-ruxes na Corte inglesa, na que se cría que o embaixador era un auténtico Maquiavelo e enfeitara ao monarca porque logrou del fitos tales como a liberación do pai Baldwin, o instigador da conxuración da pólvora, que tentara voar o parlamento inglés co rei dentro; ou a condena asinada de man de Xacobe para entregar e aforcar en Madrid a Walter Raleigh, o outrora favorito da raíña Isabel I, e precursor do imperio colonial inglés; ou que o Chanceler inglés, o célebre Francis Bacon, asinara unha orde, a petición do noso Conde, pola que se suspendía a persecución dos católicos das Illas, un documento seguramente único porque un embaixador estranxeiro conseguía influír nas cuestións de orde público de Inglaterra.

O autor, Francisco Fidel Maseda Maseda, naceu en Lugo en 1978. É premio extraordinario fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia pola licenciatura en Humanidades e doutor en Humanidades pola Universidade de Santiago na área de Filosofía Moral e Política. Gañador dun dos premios provinciais á investigación 2010 da Deputación de Pontevedra, as súas publicacións áchanse centradas en persoeiros como Lois Tobío e Don Diego Sarmiento de Acuña, e as súas investigacións no pensamento político galego contemporáneo.

FRANCISCO MASEDA

Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar

Biblos

Cartonado 16,5 × 22 cm 188 páxinas

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS