Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.10.2017 Actualizado 21:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O presidente da patronal galega avoga polo diálogo e a negociación e vería "ben" unha consulta pactada

Cre que o traslado de sedes de empresas "é unha medida máis testemuñal que efectiva", posto que os negocios "seguen" en Cataluña

SANTIAGO. EP  | 12.10.2017 
A- A+

O presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, avoga polo diálogo e a negociación entre o Goberno central e o da Generalitat, e vería "ben" que se celebrase unha consulta pactada en Cataluña.

Así o dixo nunha entrevista na Radio Galega, que recolle Europa Press e na que engade que o traslado de sedes de empresas "é unha medida máis testemuñal que efectiva", posto que "saen" as sedes sociais pero as compañías e os seus negocios "seguen alí".

Mostrando a súa "preocupación" por unha situación á que ve "difícil solución", Arias opinou que "o problema" reside en que "unha parte da poboación de Cataluña ten un sentimento determinado" e "isto non se vai a liquidar con medidas de carácter legal".

Para o representante da patronal galega, "quedan meses por diante moi complicados e as tensións probablemente van subir". Ante isto, "vería ben que houbese unha consulta aos cataláns, pero unha consulta que estivese loxicamente pactada e cun marco moi coñecido e onde houbese unha serie de garantías".

CUNHA MAIORÍA REFORZADA

"Porque creo que o que se pretende decidir ten unha transcendencia importante. Probablemente non se poida decidir por unha maioría, habería que buscar algún tipo de maioría reforzada para o caso de que houbese un resultado favorable ao si", reflexionou.

Así, valorou que "se debería facer" a consulta para evitar dar "o argumento de que non se lles permite manifestarse" a aqueles que así o desexan. "O único que estamos a facer é incrementar o número de independentistas", apostilou.

Nesta liña, considera que "articular unha consulta con garantías podería axudar, primeiro, a ter unha medida clara da magnitude do problema e, sobre todo, a acalar esas voces que din que se lles está limitando un dereito".

Respecto da fuga de empresas, entende que o "gran problema" é a "imaxe que se traslada", posto que "hai unha certa inseguridade xurídica de face a decisións de investimento". Ten repercusións "sobre Cataluña e sobre España, advertiu: "É unha situación que para o mundo dos negocios non é boa", segundo Antón Arias.

"A gusto DENTRO DE ESPAÑA"

Así, salientando que a negociación "debería terse producido moito antes", Arias insistiu en que el "faría o intento" de dialogar, antes de adoptar outro tipo de medidas. "Tentaría baixar un pouco o suflé quitando argumentos e mostrando que hai unha intención de que Cataluña quede en España e quede a gusto dentro de España", incidiu.

Esta negociación entre ambos os executivos propona "tendo moi claro cal é a situación" e "taxando moi ben os tempos" por parte do Goberno español.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS