Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 20.08
Nunha recente entrevista á respecto da situación da muller na Real Academia Galega, respostaba a escritora viguesa Rexina Vega, que “O rexeitamento da Academia é dunha misoxinia clarísima, cando sería vital que houbese máis mulleres para modificar os usos da língua… Non digo que a RAG non dea probas de cambio, pero nesta cuestión a sensación foi de fraude, e ten que ver con esa anatemización do feminismo.” A abraiante e extemporánea reticencia á entrada da muller na Academia, vén ó pelo do último artigo en “La Opinión” do presidente de tan prestixiosa sociedade, D.Xosé Luís Méndez Ferrín, “sen dúbida, a referencia máis erudita da narrativa galega, o escritor e a sabedoría sobre epidodios e personaxes que chama o seu interese”. Aclara o xornal ó pé da súa fotografía.
Pois neste caso, ou a erudición sofriu un desafortunado traspés, ou hai motivos de maior calado, quizais inconscientes, quizais non, para que todo sexan problemas á hora de normalizar a cuestión do xénero –vexan o eufemismo- na nosa benquerida Academia. “Ou sexa, a mítica iumbina que fai tolear de desexo as bestas, as burras e as mulleres na fantasía daqueles varóns que se asustan da potencia orgásmica da femia humana”. É a desconcertante prosa do noso erudito. Bestas, burras e mulleres. Consciente, inconsciente? Xa non é cousa de nós analisar.
Agora ben, o que cómpre preguntarmos e se unha xustaposición de tal calibre sae dos miolos do presidente da Academia, queridas e queridos compañeiros e compañeiras poetas membras e membros, esquezámonos do “Xogo das cadeiras”. Inxenuo como pretender vencer á Lexión cunha guerra de almofadas. Vai ser que o problema é de maior fondura. Do que me libro, por hixiene mental, e de entrar a analisar, agora si, o fondo do artigo de Méndez Ferrín, “Mito e realidade do clorhidrato de iohimbina”. Direi nomás que para o escritor, o uso dunha potente droga de uso veterinario para facilitar a agresión sexual á muller –revise, por favor, señor presidente, o Título VIII do vixente Código Penal- é causa de frivolidade. Quizais a súa erudición non tiña coñecemento do xove estudiante americano supostamente asasinado en Espluges de Llobregat tras térenlle administrado un cóctel de barbitúricos que o rapaz non tolerou. Ou a rapaza violada en Santiago de Compostela, inconsciente tamén a causa dunha combinación explosiva de sustancias.
Un pouco de seriedade, cabaleiros, que a Academia non é, dispensando, nin a taberna, nin a Lexión. E quizais o medo deban circunscribilo, sen máis, á muller. Na academia e no xulgado, no quirófano e na literatura, non nos amolen con ridículos subterfuxios. Nin con bochornosas erudicións.
Diana Varela Puñal
