Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 25.05.2018 Actualizado 17:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

¿Presidente ou vicario?

JOAQUIM VENTURA  | 11.05.2018 
A- A+

No límite do prazo para evitar unhas novas eleccións en Cataluña, Carles Puigdemont concedeu a posibilidade de investir un candidato á presidencia da Generalitat que non fose el e que non tivese asuntos pendentes coa xustiza. A máis que previsible investidura de Quim Torra –se empregamos o seu nome de pluma- salva un problema pero leva o risco de crear outros.

O candidato non leva chumbo –penal- nas alas pero atura unha mochila chea de pedras políticas. A primeira, da cal é responsable solidario en tanto que membro da lista de JxCat, foi poñer o cargo de President da Generalitat e a propia institución de autogoberno en poxa en función dos intereses do PDeCat e do resto da lista de Puigdemont, e de ERC. Cando nunha situación de extrema gravidade como é a que padece Cataluña, coa maneira de aplicar o artigo 155 da CE que fixo o goberno de Rajoy, calquera obstáculo para normalizar a situación non pode ser considerado máis que como delito de lesa patria, se empregamos o rexistro solemne e grandilocuente que adoitan usar os independentistas.

A segunda. Xa o escribín hai tempo neste recuncho verbo de Joseph Ratzinger: desconfío daquel cardeal que nunca antes foi párroco. O que aplicado á política, me leva a desconfiar de quen aspira aos máximos cargos sen que antes fose concelleiro ou alcalde (ou equivalente), agás ter un gran carisma, suficiente para mover no seu favor unha maioría cidadá. E este non é o caso do candidato Quim Torra, avogado, escritor e editor e cuxos méritos privados no terreo público non pasaron de xestionar as ruínas atopadas no antigo mercado do Born de Barcelona. Estas ruínas pertenceran a algunhas casas demolidas a partir de 1714 por orde de Felipe V e por esta razón, e máis alá do seu valor arqueolóxico, foron elevadas á categoría de “altar da patria” durante o mandato do converxente Xavier Trias na alcaldía e de Artur Mas na Generalitat. Coa chegada de Colau á alcaldía, foi cesado e cooptado por un think thank dependente da Generalitat.

A terceira. O candidato á investidura da Generalitat sempre amosou un perfil que, con benevolencia, cabería considerar como sectario. Non son eu partidario de exhumar “mortos informáticos” pero se alguén non é capaz de ficar caladiño en troques de publicar unha mensaxe rebentadora nas redes, logo ten que asumir as consecuencias.

E se do futuro presidente autonómico de Madrid, Ángel Garrido, tiraron twits como aquel no que se preguntaba se levarse un albornoz dun hotel era roubar, agora houbo quen tirou do pozo do esquecemento (¿ou da memoria?) das redes sociais mensaxes do agora candidato á presidencia da Generalitat, escritas en 2012, nas cales consideraba que “os españois so saben espoliar”, “ouvir falar a Rivera de moralidade é como escoitar aos españois falar de democracia” ou “vivimos ocupados polos españois desde 1714”. Malas tarxetas de presentación, en suma, de quen aspira a gobernar ao conxunto de cataláns.

Pero todo iso, ao cabo, forma parte da liberdade individual e das súas consecuencias, do mesmo xeito que Manuel Vázquez Montalbán lembraba o aforismo de Leonardo Sciascia (hai quen di que era de Abraham Lincoln) que sostén que a partir dos corenta un é responsable da súa cara. E a cara do candidato Quim Torra non me presta. Non teño prexuízos nese senso pero se un sospeita que certa cara cadra con certos pensamentos, daquela non son tolerante.

Porque o candidato proposto á investidura ten especial teima cunha época e cun sector do catalanismo (os anos 20-30 e Acció Catalana) que representan –malia a súa modernidade daquela- a expresión máis dogmática de entender Cataluña, sen apenas marxe para o pragmatismo, como así resulta ser o propio Torra polo que di a prensa, incluso algún xornalista proclive ao soberanismo. E diso (repito: é unha apreciación moi subxectiva) fai cara Torra: a súa expresión lémbrame á daqueles cregos que cando confesaban, un notaba o seu alento no nariz e mais a caspa por riba da sotana mentres advertía que fóra da Igrexa católica, apostólica e romana non había salvación.

Pero aínda así, o peor que toca por virmos aos cataláns será a dependencia dos mandatos que cheguen desde Berlín emitidos polo “presidente lexítimo” para que sexan obedecidos polo “presidente provisional interior”, unha bicefalia que sumada, penso que non dará nin a talla nin o peso dun presidente como algúns dos anteriores.

Tal vez por iso, por ese perfil baixo (por non dicir mínimo) do fuxido a Bruxelas e do candidato proposto para a investidura, a contorna de Jordi Pujol atreveuse hai uns días a organizar un acto de reaparición pública do primeiro presidente elixido co Estatut: malia as corruptelas e os cartos evadidos, polo de agora ninguén pode –e penso que non poderá en tempo- igualar a súa acción de goberno, mal que nos pese. Teremos agora un presidente vicario, simple representante ou correa de transmisión de Puigdemont. Unha circunstancia que como dixo Marta Ferrusola cando compareceu na comisión do Parlament que investigaba o suposto legado do seu sogro Florenci Pujol, “Catalunya no s’ho mereix”.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS