Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 19.06.2013  | Actualizado 13.49

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Preto dun millar de persoas concéntrase en Galicia contra os recortes

Os sindicatos mostran a súa "total indignación" e alertan de que se farán máis "recortes de persoal" en Educación e Administración xeral

VIGO/A CORUÑA. EP  | 03.08.2012 
A- A+

Preto dun millar de persoas entre A Coruña, Ferrol e Vigo concentrouse este venres para responder á convocatoria realizada polos tres sindicatos principais de Galicia --CIG, CC.OO. e UGT-- en contra dos recortes do Goberno central.

Así, na Coruña, onde participou o dirixente estatal de CC.OO., déronse cita unhas 300 persoas ante a Delegación do Goberno en Galicia, cunha pancarta co lema 'Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen'. Os participantes na mobilización chegaron tamén a cortar o tráfico á altura deste edificio institucional, na praza de Ourense.

A mobilización contou coa presenza do secretario xeral de CC.OO, Ignacio Fernandez Toxo; do seu homólogo en Galicia, Xose Manuel Sánchez Aguión; e os secretarios comarcais de UGT e CIG na Coruña, José Carrillo e Paulo Carril.

Na protesta, Toxo volveu reclamar a convocatoria dun referendo sobre os recortes por parte do Goberno e non descartou unha folga xeral. "Todos os escenarios están abertos", sentenciou o dirixente de CC.OO.

Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG cualificou de "saqueo ao pobo" as medidas do Goberno e recalcou que "case a metade dos parados en Galicia están sen prestación". Mentres, o seu homólogo de UGT avanzou que as mobilizacións continuarán o próximo venres, cunha nova concentración, e en setembro, entre elas unha marcha a Madrid.

MÁIS DE 200 PERSOAS EN VIGO

Pola súa banda, en Vigo concentráronse máis de 200 persoas fronte a edificio administrativo do Gobienro galego na cidade olívica para mostrar o seu rexeitamento ás últimas decisións do Executivo central.

En declaracións aos medios, o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, manifestou a súa "total indignación" e alertou de que tanto a administración autonómica como estatal teñen previsto realizar novos "recortes de persoal" en Educación e na administración xeral ao longo do verán. Otero advertiu de que estas medidas prexudicarán ao persoal interino pero non descartou que tamén poidan afectar aos traballadores fixos.

Por todo iso, remarcou a necesidade de "seguir dando contido" ao calendario de mobilizacións previsto polos sindicatos e confiou en que fragüe a convocatoria dunha "grande folga xeral" no mes de setembro. A este respecto, sinalou que as diferentes organizacións sindicais españolas reuniranse o próximo 29 de agosto para concretar datas e achegar posturas.

FERROL

Ademais, preto de 200 persoas secundaron a mobilización que en Ferrol estivo convocada polos sindicatos CIG, CC.OO., UGT e USTG. Durante a acción de protesta, lanzaron ovos contra a fachada do edificio da Xunta de Galicia ante o que se concentraron.

Nalgúns carteis, figuraba o lema 'Señor Rajoy, a miña paga non é para darlla aos ricos e quitala aos pobres'. No seu discurso central, alertouse de que os recortes do Goberno provocarán o "agravamento da recesión e o peche de moitas empresas", así como a "destrución de máis de 80.000 empregos en Galicia".

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS