Hemeroteca web
|
RSS
Luns 20.05.2013
| Actualizado 00.16
Daquela, aos meus oito ou nove anos, Guardiola estaba no cumio da súa carreira artística con pouco máis de trinta. Posuidor dunha voz aveludada e profundamente varonil, é opinión común que por riba de todo foi un profesional insuperable. De orixes humildes, tivo a sorte de ser apadriñado por un crego para que estudase música e, alén de cantar, aprendeu a tocar o violín e a flauta traveseira.
Quizáis por iso encaixaba sempre coas orquestas coas que actuou, por coñecer os mecanismos de conxuntar instrumentos e voz. Algunha vez, Tete Montoliu laiouse da súa dedicación exclusiva a cantar, adiviñando en José Guardiola un potencial intérprete de jazz. Naqueles anos de miseria musical oficial verbo de canto viñese do estranxeiro non hispano, Guardiola foi a pista de aterraxe –coas súas versións en castelán- dos mellores “hit” da música bailable de orixe americana, francesa ou italiana, e foi o primeiro en facer versións en catalán, como cando en 1958 gravou Come prima.
Despois duns comezos co grupo “The Crazy Boys” –toda unha declaración de intencións- José Guardiola representou coma ninguén o estándar do ‘crooner’: perfeción musical, boa declamación das letras cantadas, elegancia no vestir. E un bigote –como era moda daquela- perfectamente recortado por riba do labio superior.
E se algo cómpre engadir para que José Guardiola forme parte da miña educación sentimental foi a súa fidelidade ao RCD Espanyol, cuxo primeiro hino compuxo en 1975. Vontade común de sufrir e de nadar contracorrente, cousa que aprendín do meu avó José Ventura.
