Hemeroteca web
|
RSS
Martes 21.05.2013
| Actualizado 01.39
O exalcalde socialista de Vigo Carlos González Príncipe solicitou este venres ao Concello de Vigo que "revogue" a concesión da Medalla da cidade ao excopresidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso.
Amparándose no regulamento de Participación Cidadá, Príncipe presentou un escrito no Consistorio para que se lle permita comparecer ante o pleno para defender esta iniciativa "no máis curto prazo de tempo posible".
Na súa exposición de motivos, sinala que a citada medalla "creouse para premiar a aquelas persoas ou institucións que, desenvolvendo algún traballo ou tarefa que favorecese os intereses xerais da cidade, tivesen, tamén, un comportamento cívico exemplarizante".
Con todo, o exrexedor interpretou que as "vendas inapropiadas e en moitos casos, fraudulentas, de participacións preferentes ou débeda subordinada" a miles de familias "non casan cos valores cívicos" que se honran coa Medalla da cidade.
"Non podemos permitir que quen causaron tanto dano sigan ostentando as honras da nosa cidade", insistiu, sinalando que o BNG tamén pediu na Coruña que se retirasen as distincións ao outro copresidente de Novacaixagalicia, José Luís Méndez.
