Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

A privatización sanitaria

PABLO VAAMONDE  | 24.05.2017 
A- A+

Os servizos sanitarios non son un gasto social insustentable, como repite o catecismo neoliberal. Pola contra, a sanidade pública é unha fonte de riqueza, de progreso e de coñecemento, ademais dun elemento esencial de integración social. O Sistema Nacional de Saúde (SNS), que se ergueu nas últimas décadas no Estado español, contribúe non só a manter a saúde dos cidadáns senón que aporta traballo e benestar a parte da poboación. Os servizos sanitarios representan unha parcela moi importante da actividade económica (o 40% dos orzamentos das CCAA dedícase a tal fin).

Existe unha forte tensión privatizadora, pois os poderes económicos ansían apoderarse desa partida do diñeiro público. Hai unha estratexia internacional para converter a sanidade nunha parcela de negocio. Desde o FMI, o BCE ou o poderoso Club Bilderberg1 (presidido polo nobre francés Henri de La Croix de Castries2) os poderes económicos teñen posta a mirada sobre o SNS e manobran para facerse con el. No Estado hai plataformas (FAES, SEDISA, Club Gertech3) que repiten as falacias neoliberais (xa recollidas no Informe Abril en 1992): que a sanidade pública é insustentable, que a xestión privada é máis eficiente que a pública e que o financiamento debe ser público pero a provisión dos servizos debe ser privada.

Todos apuntan no mesmo sentido: os lobbies da industria farmacéutica e da tecnoloxía sanitaria e as empresas aseguradoras teñen moito interese en desmontar a nosa sanidade pública para convertela en negocio. O SNS está en perigo pois existe unha “estratexia deseñada e articulada por grupos poderosos que pretenden facerse cos fondos que o Estado destina á sanidade”4 (FADSP). Esta actuación depredatoria está sendo realizada coa complicidade do PP, que ten a moitos dirixentes imputados e a moitos outros como asiduos visitantes das “porta xiratorias”5. En sanidade o PP actúa con todo rigor a favor dos intereses privados e está a executar unha contrarreforma sanitaria; desde o goberno central, coa escusa da crise, impuxo o infame RD 16/2012 que suprime o dereito á atención sanitaria universal e recupera a figura do “asegurado”; e nas CCAA (desde os inicios en Alzira6 -1999-, que agora está a ser rescatado) privatizou desde hospitais enteiros a extensas parcelas da actividade sanitaria.

Nos últimos tempos a conivencia dos poderes políticos e económicos impulsou novas ameazas para o SNS, que se suman ás xa existentes. A nivel global hai unha ameaza moi poderosa: o tratado de libre comercio (TTIP7) que, de aplicarse, abriría as portas ás grandes empresas do sector para apoderarse do SNS e podería deixar os litixios entre os Estados e as empresas fóra dos canles da xustiza ordinaria e nas mans de tribunais externos que actuarían, con toda certeza, a favor dos intereses empresariais.

A nivel local, e de forma moi intensa en Galicia, o PP actúa con rigor a favor dos intereses empresariais. A privatización da xestión de servizos esenciais e do I+D+i do Sergas está xa moi avanzada. O seguinte obxectivo son as Unidades de Xestión Clínica8, que poderían significar a privatización definitiva do núcleo duro do SNS: a actividade asistencial. Pero esta contrarreforma sanitaria, argallada de costas da poboación e os profesionais, está infestada de conflitos de interese e de actuacións que bordean ou directamente infrinxen a legalidade, o que pode permitir a súa recuperación mediante a acción política e a loita cidadá. Non podemos permitir que desmantelen o SNS, elemento esencial do Estado de benestar.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS